Deputación de Lugo

Muimenta acollerá unha nova edición da MOEXMU co apoio da Deputación de Lugo ​

moexmu
Marisol Morandeira destaca que a cita, que se celebrará do venres ao domingo, é “un dos grandes puntos de encontro do noso sector primario” e conta anualmente cunha achega da institución provincial de 8.000 euros

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este luns na presentación da 42ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), que se celebrará entre o venres 10 e o domingo 12 de abril no recinto feiral Manuel Vila López. A responsable provincial destacou que a Deputación de Lugo colabora anualmente con esta cita multisectorial, “que é un dos grandes puntos de encontro do noso sector primario”, cunha achega de 8.000 euros.

“Este é un evento que conecta o mellor da nosa tradición coa capacidade de innovar e adaptarnos aos novos tempos”, valorou a Deputada. Morandeira recoñeceu o traballo da organización, o seu esforzo e a súa “visión clara do que significa poñer en valor o noso sector gandeiro e agrícola”. Nese sentido, subliñou que na Deputación “temos moi claro que o sector primario non é só parte da nosa identidade, senón tamén unha peza clave do noso futuro”.

Xunto á responsable provincial participaron na presentación, entre outras autoridades, o xerente da MOEXMU, José Manuel Rus, e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa. Como todos os anos, a cita coincidirá co concurso de gando frisón, o concurso autonómico de gando, a exposición da raza Rubia Galega e a poxa de gando selecto. A feira contará ademais cos tradicionais expositores de maquinaria, fertilizantes, pensos, artesaníaou automóbiles.