A Deputación traballa para rehabilitar a estrada danada en Cervantes polas intensas choivas
A Deputación de Lugo traballa estes días para rehabilitar a estrada danada en Cervantes polas intensas choivas caídas durante o inverno, a LU-P-1402. Esta vía que conecta San Martiño da Ribeira e Vilaquinte por Quindous colapsara á altura do quilómetro 12, ao seu paso pola parroquia de Vilaver, obrigando a institución provincial a restrinxir o tráfico, permitindo exclusivamente o paso do transporte escolar.
Os traballos que se están a realizar, cun investimento da Deputación de 120.000€, consisten na reposición da plataforma danada mediante a construción dun muro de sostemento para darlle estabilidade á vía e a reposición do pavimento. A empresa que realiza estas obras, declaradas de emerxencia en marzo na Xunta de Goberno, é Bascuas 2008 SL, que ten un prazo de execución de tres meses.
Situada nos Ancares, esta estrada é clave para a comunicación de varias parroquias no concello cervantego, porque dá servizo a numerosos núcleos e acceso a servizos básicos como escolas e centros médicos. Nesta zona de montaña, sen alternativas directas, os desvíos obrigaron á veciñanza a percorrer máis quilómetros.
A actuación da institución provincial permitirá reducir os tempos de desprazamento e reforzar a seguridade viaria nunha contorna especialmente complexa desde o punto de vista orográfico.