A Deputación enxalza a traxectoria de ASPNAIS a favor da inclusión no seu 60 aniversario
O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, participou este sábado na tradicional Festa da Familia que organizou a Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS). Nesta ocasión, a xornada de convivencia entre persoas usuarias, acompañantes e autoridades, tivo un carácter especialmente significativo este ano, aocoincidir co 60 aniversario da entidade lucense.
No evento, que se celebrou nas instalacións da rúa Santiago, Rivera Capón enxalzou a traxectoria de ASPNAIS que “desde o ano 1966 traballa de forma incansable pola inclusión social, educativa e laboral das persoas con discapacidade intelectual”. O deputado provincial puxo en valor o labor diario da entidade e o apoio que realizan as súas familias, así como o traballo do seu equipo interdisciplinar de profesionais, “que contribúen de maneira fundamental a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e a avanzar cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva”.
Recordou ademais que a Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con este colectivo a través dunha aportación anual de 5.000 euros para apoiar un programa de intervención psicolóxica dirixido aos seus usuarios e usuarias co obxectivo de contribuír ao seu benestar emocional, favorecer a súa autonomía persoal e reforzar a atención integral que reciben no seu día a día. Ademais de ter cedida a sede ao colectivo.