Carmela López: “a VI Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña reunirá en Cervantes o mellor da nosa tradición gandeira”
A programación, que comezará a primeira hora da mañá coa recepción do gando, inclúe actuacións musicais, unha poxa de novelas de ACRUGA e un concurso de vacas asturianas e rubia galega
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, o Tenente de Alcalde, Miguel González Vilela, e a Presidenta da Asociación Territorio Verde, Sonia Rodríguez Gómez, presentaron este luns na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a sexta Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña. A cita, que se celebrará este sábado -9 de maio- en San Román de Cervantes, conta cunha achega da institución provincial de 6.000€.
A mandataria provincial destacou que “é un pracer presentar unha nova edición desta feira que reunirá neste municipio o mellor da nosa tradición gandeira e do noso rural”. Puxo en valor o “traballo que fan os gandeiros e gandeiras da Montaña. Un traballo duro e ben organizado que temos que apoiar, porque para que ese esforzo teña futuro, fan falta servizos e políticas útiles, das que permiten vivir, emprender e quedar no territorio”.
Nesta liña, destacou que “ese é o noso compromiso desde a Deputación: estar ao lado da xente que aposta pola Montaña e apoiar iniciativas coma esta, que dan vida á provincia. E ao final, esta feira tamén recupera algo moi noso, esas feiras de antes: o encontro, o trato directo… mesmo a poxa de gando, que forma parte da nosa tradición e que na nosa provincia seguen a estar moi vivas”. Carmela López rematou a súa intervención convidando a toda a provincia a achegarse este sábado a Cervantes “a vivir a feira e a apoiar o noso rural”.
Programa da feira
A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. O programa de actividades desta sexta edición, no que tamén se inclúe un concurso de vacas asturianas e de rubia galega, é o seguinte:
- 08:00h: Recepción de gando e recollida de credenciais.
- 10:00h: Votación do xurado segundo as categorías a premiar.
- 11:00h: Animación a cargo dos grupos Os Xardois e Os Gaioleiros.
- 12:00h: Poxa de novelas de ACRUGA.
- 13:30h: Entrega de premios.
- 16:30h: Música con Tania e o seu acordeón.
- 19:00h: Sorteo de 500 puntos.
- 20:30h: Peche da feira