Chega a Lugo a exposición O Río que nos move co apoio da Deputación
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este venres no Vello Cárcere na inauguración da exposición O Río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño. Trátase dunha mostra fotográfica, que conta co apoio da institución provincial, e que documenta o primeiro descenso completo do río Miño, dende Pedregal de Irimia á Guarda realizado en 1985 por cinco mozos que construíron as súas propias canoas e afrontaron esta aventura sen apoio externo.
Miguel Fernández agradeceu o esforzo da asociación cultural que organiza a exposición e puxo en valor esta iniciativa “porque non só recupera unha aventura extraordinaria, senón que tamén nos axudan a mirar ao río doutro xeito e a comprender mellor todo o que representa”. A mostra poderá visitarse en Lugo ata o 31 de maio e posteriormente, exporasenos concellos de Portomarín, Ourense, Castrelo do Miño, Tui, Rosal e A Guarda.
