A Deputación reivindica en Xermade o valor da memoria e do rural na apertura das XXII Xornadas Interxeracionais de Cabreiros
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado pola mañá na apertura das XXII Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, na casa escola xermadesa de Cabreiros, unha cita coa que colabora a Deputación e que xa está consolidada no calendario cultural da provincia. “É un evento que converte durante o mes de maio esta parroquia nun espazo de encontro arredor da memoria, da cultura e da convivencia entre xeracións”.
No acto inaugural, a representante provincial destacou o valor dunha iniciativa “que leva máis de vinte anos facendo algo moi importante: unir ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”. Morandeira puxo en valor o traballo do colectivo organizador e da veciñanza por manter viva unha programación “que medrou co paso do tempo sen perder a súa esencia nin o vínculo coa comunidade”.
A deputada subliñou que estas xornadas son “un exemplo do mellor que ten o rural lucense”, porque conseguen implicar á veciñanza, aos centros educativos, ás asociacións e tamén á universidade “nun diálogo continuo entre xeracións que fortalece os vínculos sociais e axuda a conservar a memoria colectiva”. Fixo referencia ao lema desta edición, Aprendendo cos nosos maiores, sinalando que “nun momento no que todo parece ir tan rápido, parar a escoitar ás persoas maiores é tamén unha forma de entender mellor quen somos e de valorar todo o que construíron antes ca nós”.
As XXII Xornadas Interxeracionais Rurais incluíron este sábado a apertura da exposición do Iescha A pedra seca, a presentación da novela A noite que se foi a luz de Manuel Castro Santamariña, e o mercado pola tarde de produtos artesanais. Continuarán ao longo das próximas semanas cun amplo programa de actividades que inclúe presentacións literarias, conferencias, exposicións, proxeccións audiovisuais, obradoiros, música e iniciativas arredor da historia local e dos saberes tradicionais.