A Granxa Gayoso Castro acolle un curso de dixitalización de sistemas de xurro no que participan preto de 50 gandeiros
“O sector primario é fundamental para a provincia de Lugo. Isto obríganos tamén a estar á vangarda das últimas incorporacións tecnolóxicas e das diferentes innovacións para que as explotacións gañen en eficiencia e en sustentabilidade”, avanzou Cajoto
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este mércores na inauguración da xornada formativa DigiPurín 2: dixitalización de aplicación de xurro que se está a desenvolver nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da institución provincial. Trátase dun obradoiro gratuíto que se enmarca dentro da colaboración da Deputación de Lugo co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para impulsar a informatización do sector agroalimentario e do medio rural en España. Neste encontro, están a participar preto de 50 persoas entre gandeiros, profesionais e técnicos do sector.
Francisco Cajoto recordou a importancia do sector primario para a provincia de Lugo: “isto obríganos a estar á vangarda das últimas incorporacións tecnolóxicas e das diferentes innovacións que se veñen dando nos últimos anos para que as explotacións gañen en eficiencia, en sustentabilidade e estean mellor preparadas para afrontar os retos do futuro”.
“Precisamente, nesta xornada falarase de dixitalización e de novas tecnoloxías con diferentes demostracións de sistemas de distribución ou de análise de nutrientes do purín. Falamos, en definitiva, de innovación aplicada ao día a día das explotacións; de ferramentas que axudan a optimizar recursos para avanzar cara un modelo produtivo e cada vez máis sostible e competitivo”.
Ademais, o Deputado Provincial definiu a Granxa Gayoso Castro como un “espazo de referencia para a formación, a experimentación e a transferencia de coñecemento. Aquí poñemos en contacto o ámbito académico e investigador coa realidade diaria das explotacións, facilitando que os avances tecnolóxicos e as novas prácticas poidan chegar aos profesionais dun xeito útil, práctico e adaptado ás necesidades reais do territorio”.
A xornada, organizada tamén pola Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Terra, iniciouse ás 10:00 horas coa inauguración oficial na Aula da Granxa Experimental de Leite e continuou co desenvolvemento do programa no que se inclúe -entre outras actividades- demostracións de análise de nutrientes de xurro con métodos manuais e demostracións de sistemas de distribución para a redución de emisións.