Burela presenta en San Marcos a fan zone do España-Cabo Verde impulsada pola Deputación
A Presidenta da Deputación, Carmela López, presentou esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos a programación da fan zone que se está a organizar en Burela con motivo do partido de fútbol entre as seleccións de España e Cabo Verde. A cita, impulsada polo colectivo Fanto Fantini, conta cunha achega de 20.000€ da institución provincial e aproveitará a cita do Mundial 2026 prevista para o vindeiro 15 de xuño, en Atlanta, para converterse nun punto de encontro de convivencia, cultura, música e comunidade.
Carmela López, que estivo acompañada polo director da proposta, Anxo Ferreira, destacou que “a realidade multicultural de Burela require respostas innovadoras como esta. Baixo o título De Cabo a Cabo, este festival integra cultura, deporte e economía local”. Valorou tamén que a celebración posiciona Lugo como un referente na cohesión comunitaria e lembrou que unha de cada dez persoas que viven en Burela é de orixe caboverdiana.
Ferreira explicou que a cita ofrecerá unha programación na que se combinarán concertos, creación contemporánea, showcookings, actividades deportivas, artesanía, mesas de debate e diferentes espazos de encontro.
A Praza da Mariña será o escenario principal dun evento que contará con diferentes localizacións repartidas por toda a vila. Neste punto quedará instalada a pantalla xigante para a retransmisión do partido de fútbol e será tamén o espazo para a música e a intervención artística de Alicia Alonso, que en colaboración co Instituto Monte Castelo e coa Confraría de Pescadores, transformará un dos elementos máis representativos da identidade mariñeira de Burela nunha gran obra colectiva. No parque Rosalía de Castro e na praia urbana terán lugar diferentes torneos de fútbol 3x3 e fútbol praia nos que o trofeo será a camiseta do futbolista galego Borja Iglesias.
A achega da institución provincial servirá para cubrir a infraestrutura técnica e loxística necesarias, axudar á contratación das actividades culturais, afrontar os gastos da organización e da loxística operativa indispensable para o desenvolvemento deste evento.
Baiuca e artistas da escena afroatlántica
Baiuca, un dos proxectos musicais galegos con maior proxección internacional da última década e referente da fusión entre tradición e electrónica contemporánea, será una das principais propostas musicais. O cartel contará tamén con artistas ligados ás escenas afroatlánticas e electrónicas actuais como DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya.