A Deputación inicia no Vicedo o estendido do aglomerado da vía que une o lugar de Vilasuso co Alto de Moreiras
A Deputación de Lugo vén de iniciar esta mesma semana no Vicedo o estendido do aglomerado de dous treitos da LU-P-6405, a vía que vai desde o municipio mariñán pasando por Vilasuso ata o Alto de Moreiras. O proxecto inclúe o acondicionamento dun tramo de máis de 700 metros, do quilómetro 1,400 ao 2,155; e dun segundo treito, que supera o quilómetro, entre o 3,493 ao 4,693.
CHOLO SL é a empresa encargada deste proxecto, para o que a institución provincial destina máis de 136.000€, e que inclúe a reapertura de cunetas, a mellora do firme con aglomerado en quente e a sinalización horizontal.
Trátanse dunhas obras moi importantes porque o Alto de Moreiras é un punto de interese turístico no Vicedo, que conta cunha área recreativa e cun miradoiro con vistas á ría do Barqueiro e á afamada Illa Colleira.
Outras actuacións no Vicedo
A institución provincial tamén arranxou outras dúas estradas provinciais que son fundamentais para as comunicacións do municipio cun investimento de preto de 330.000€. Trátase da LU-P-6401, que une as parroquias de Suegos e Falcoeira, e da LU-P-6402, que vai da capitalidade a Cristo de Portapena por Cruz da Pardiñeira.
Concretamente, con estas obras renováronse os tres primeiros quilómetros da LU-P-6401 –do 0,6 ao 3,2- que enlazan coa estrada autonómica LU-862; e o treito final da LU-P-6402 –do punto quilométrico 17,1 ao 19,3- á altura da parroquia de Negradas. As obras consistiron na reapertura de cunetas napavimentación con aglomerado en quente e na sinalización.