O Campus Terra presenta o iTerra, unha aposta pola ciencia de excelencia respaldada pola Deputación
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na Facultade de Veterinaria na presentación oficial do instituto iTerra de investigación en saúde global e desenvolvemento sostible do Campus de Lugo. O acto, presidido pola Reitora da USC, Rosa Crujeiras, contou coas intervencións do persoal investigador do centro e unha conversa sobre retos científicos compartidos baixo o lema Ciencia conectada para retos complexos: microcharlas e conversa.
Rivera Capón destacou o apoio que sostén a Deputación coa Universidade pública, nomeadamente coa de Santiago de Compostela, e subliñou que o iTerra contribuirá a situar o Campus Terra como un referente europeo en investigación e innovación responsable, proxectando desde Lugo un modelo de ciencia aberta, sostible e de excelencia.