A Deputación apoia á Mancomunidade na nova estratexia turística para definir o futuro do sector
Esta proposta, posta en marcha pola entidade mariñá, desenvolvese ao abeiro do programa MISEA, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo. O obxectivo é mellorar a competitividade dos destinos mediante a innovación e a sostibilidade
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, asistiu este martes á presentación do Plan de Impulso para a Creación e Consolidación de Experiencias Agroturísticas da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense en Barreiros. Trátase dun proxecto que se desenvolve ao abeiro do programa MISEA, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e que ten por obxectivo mellorar a competitividade dos destinos turísticos mediante a innovación e a sostibilidade.
Cajoto Caserío felicitou a Mancomunidade porque “a Mariña é a única comarca galega que pertence a un proxecto nacional coma este” do que tamén forman parte a Deputación de Cáceres, a illa de Fuerteventura ou Valencia. Nesta liña, recalcou o Deputado Provincial e tamén Alcalde de Foz que “a Mancomunidade dedicou importantes esforzos, organizando obradoiros e xornadas para elaborar diferentes porpostas agroturísticas que atraian a novos visitantes e que contribúan á desestacionalización do turismo”.
Este Plan busca aproveitar o potencial do sector primario da Mariña para crear experiencias vinculadas á agricultura, á gandaría, á pesca e á gastronomía local. A finalidade é diversificar a oferta turística, atraer novos visitantes durante todo o ano, xerar oportunidades económicas complementarias para os produtores e contribuír á loita contra a despoboación e a falta de oportunidades no medio rural.
Nese sentido, búscase achegar o sector primario da Mariña Lucense á actividade turística fomentando que produtores e explotacións agrogandeiras e pesqueiras actúen tamén como impulsores de experiencias turísticas. O Plan tamén pretende crear novas oportunidades de emprendemento e emprego no medio rural e avanzar na dixitalización e promoción destas experiencias.