Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación avanza cara a apertura do Centro de Atención a Maiores de Becerreá e licitará o equipamento das instalacións na próxima Xunta de Goberno

Becerreá
A Presidenta, Carmela López, presidiu este mércores no Pazo de San Marcos a constitución da comisión de seguimento do convenio entre a institución provincial e o Concello para coordinar os pasos a seguir con respecto a este proxecto social

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presidiu este mércores na Sala de Xuntas da institución provincial a constitución da comisión de seguimento do convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación e o Concello de Becerreá para a construción e posta en marcha do Centro de Atención a Maiores (CAM) do municipio.

No encontro participou o Alcalde de Becerreá, Manolo Martínez, técnicos e xurídicos das dúas administracións co obxectivo de analizar o estado actual do proxecto, avaliar as actuacións desenvolvidas ata o momento e coordinar os próximos pasos necesarios para a apertura deste centro. 

Durante a reunión, Carmela López informou de que levará á próxima Xunta de Goberno a licitación do equipamento das instalacións: camas, cortinaxe, mobiliario xeral, equipo médicos, lavandaría, cortinaxe e sinaléctica. Un paso que permitirá seguir avanzando na preparación do centro para a súa entrada en funcionamento. Trátase dun novo paso dentro dun proceso complexo.

A comisión repasou o estado de execución do proxecto, constatando que as obras principais do Centro de Atención a Maiores están rematadas e recepcionadas, e abordou os pasos pendentes para culminar a súa posta en marcha. Entre eles, destacou as actuacións complementarias que restan por executar no inmoble; a tramitación do centro de transformación eléctrica; as obras da cociña; o equipamento e mobiliario e os expedientes administrativos necesarios para a futura xestión do servizo. A comisión acordou continuar impulsando todas estas actuacións co obxectivo de que o centro poida abrir as súas portas unha vez estea completamente rematado, equipado e en condicións de prestar atención ás persoas maiores da comarca.

A comisión constituída este mércores nace precisamente coa finalidade de garantir a coordinación entre ambas administracións e realizar un seguimento permanente da evolución do proxecto, favorecendo a colaboración institucional e o impulso das actuacións pendentes para a súa culminación.

A Deputación lembrou que ao longo dos últimos anos desenvolveu unha intensa actividade administrativa, técnica e xurídica para facer posible a apertura do centro. Desde a sinatura do convenio de colaboración co Concello de Becerreá en 2016, a institución provincial vén impulsando os procedementos necesarios para culminar este proxecto, desenvolvendo os trámites relacionados coa construción das instalacións, a definición do modelo de xestión, a aprobación do réxime xurídico do servizo, a elaboración da memoria económica e financeira, os procesos de información pública e a preparación da futura licitación.