Unha mostra con pezas impresas en 3D explora a relación entre creatividade e pensamento matemático
Este martes inaugurouse na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a mostra “Patróns de Beleza. Simetría na Arte”, que convida a descubrir a relación entre a arte, as matemáticas e a creatividade STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) a través de pezas creadas con impresión en 3D.
A exposición, promovida por Igaciencia coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e comisariada por Inés Ben González, reúne máis de 70 pezas de arte dixital en impresión 3D, así como pezas en 2D que abranguen desde a arte islámica clásica da Alhambra e mosaicos contemporáneos ata exemplos de arte algorítmica, L-systems e kolam. Tamén inclúe carteis explicativos sobre simetría, poliedros, o ambo de Conway e obras que formaron parte dos Congresos internacionais de arte e matemáticas Bridges.
Para completar o proxecto, o público ten ao seu dispor unha colección audiovisual con 50 vídeos centrados en fractais Menger-Diaz, poliedros, simetrías e octógonos iranianos. Así mesmo, a páxina web do proxecto amplia o contido con carteis dixitais dedicados á simetría en física e matemáticas, os 17 grupos de simetría no plano, os 230 grupos de simetría no espazo, e os estudos de Kepler sobre a rectificación e o ambo de Conway.
Na inauguración da mostra, a deputada de Cultura Iria Castro explicou que “a exposición propón un punto de encontro entre a creación artística e as ciencias, unha idea que xa exploraba na penúltima exposición que vimos aquí, O infinito nas aulas, de alumnado de Lugo e Sarria, e na que profundiza este proxecto promovido por Igaciencia, unha entidade de divulgación científica coa que colaboramos de forma estable en diferentes iniciativas. Queremos agradecerlles a vontade de compartir coñecemento e de achegar a ciencia á cidadanía, e especialmente a mocidade”.
A responsable de Cultura destacou tamén que “se trata dun proxecto que avanza na idea de abrir os museos e os espazos expositivos provinciais a toda a comunidade, poñendo en valor o traballo realizado en diferentes ámbitos creativos e de coñecemento”.
Visitas guiadas para centros educativos
A mostra, que poderá verse na sala provincial ata o 30 de xuño, está aberta á realización de visitas guiadas para grupos, pesnadas especialmente para alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. Estas visitas escolares teñen un límite de unha por día e requiren para a súa organización a reserva previa a través do formulario habilitado na web comunidadermpl.gal