Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación reforza en Cervo a seguridade nas estradas provinciais coa limpeza de cunetas

Cervo
A Presidenta supervisou o traballo que realizou o Parque Móbil no municipio, onde as máquinas provinciais repasaron cinco vías das dez que son titularidade da institución: LU-P-1506, LU-P-1504, LU-P-1502, LU-P-1505, e LU-P-1509

Carmela López: “Esta é unha actuación esencial para que os veciños e veciñas poidan desprazarse con garantías, previr os danos por chuvias e protexer estas infraestruturas, xa que a auga é un dos factores principais no deterioro do firme”

A Deputación de Lugo reforza en Cervo a seguridade e a conservación das estradas provinciais coa limpeza de cunetas. A Presidenta, Carmela López, supervisou este luns os traballos realizados polo Parque Móbil da institución, que actuou en cinco das dez estradas provinciais que discorren polo concello: a LU-P-1506, LU-P-1504, LU-P-1502, LU-P-1505 e LU-P-1509.

“Limpar e conservar as cunetas é unha actuación esencial para que os veciños e veciñas poidan desprazarse con garantías, previr os danos por chuvias e protexer estas infraestruturas, xa que a auga é un dos factores principais no deterioro do firme”, valorou a responsable provincial. Engadiu que esta acción forma parte do compromiso do Goberno provincial coa cooperación cos concellos e da aposta que ten a Deputación por uns servizos públicos de calidade en todos os municipios da provincia.

As vías nas que se actuou teñen un papel estratéxico nas comunicacións de Cervo. A LU-P-1504 comunica Río Covo con Sargadelos; a LU-P-1506 enlaza Cervo e Cuíña; as LU-P-1502 e LU-P-1505 vertebran a zona de Vilaestrofe e San Román; mentres que a LU-P-1509 conecta Pedrouzos e Senra.

A intervención permitiu mellorar a drenaxe de todas elas, favorecer a súa conservación e reforzar as condicións de circulación nos diferentes núcleos aos que dan servizo. Ademais, contribúe a prolongar a vida útil das infraestruturas e a evitar deterioros maiores, apostando por un modelo de conservación preventiva que optimiza os recursos públicos e mellora a seguridade da rede viaria provincial.