Carmela López presenta a programación para inaugurar o Parque Central de Galicia o 28 de xuño
As instalacións que abrimos en Nugallás son tamén a expresión dun modelo de provincia que sitúa o rural no centro das políticas públicas, impulsando a actividade económica, a cohesión territorial e o orgullo de pertenza”, valorou
Pola súa banda, Pilar García Porto recalcou que “este anuncio supón un fito importante para a proxección de Antas de Ulla e da súa comarca como lugar de identidade turística e con proxección social”
A Presidenta da Deputación, Carmela López, presentou este xoves no Pazo de San Marcos a programación da inauguración do Parque Central de Galicia que, segundo anunciou, terá lugar o vindeiro 28 de xuño na comarca da Ulloa. No acto, que tivo lugar na Sala de Xuntas, estivo acompañada da Alcaldesa de Antas de Ulla e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
“O Parque Central de Galicia é un proxecto de carácter estratéxico para a provincia de Lugo”, sinalou. Engadiu que esta actuación “responde a unha visión de provincia que aposta polo equilibrio territorial, garantindo oportunidades reais para o rural e convertendo os recursos propios en motor de desenvolvemento”. E puxo en valor o impacto que terá esta infraestrutura na dinamización económica e turística da comarca da Ulloa, consolidándoa como un novo destino emerxente dentro da oferta provincial.
Carmela López sinalou que “non é só un espazo físico, senón a expresión dun modelo de provincia que sitúa o rural no centro das políticas públicas, impulsando a actividade económica, cohesión territorial e orgullo de pertenza”. Valorou que “está integrado no entorno natural e que foi concibido para impulsar o turismo sostible e xerar actividade económica vencellada ao territorio”.
A Presidenta quixo agradecer o traballo de García Porto, destacando a súa implicación directa na consecución deste proxecto. “Este parque é tamén froito da colaboración e do compromiso compartido por transformar o territorio desde o local”, sinalou.
Pola súa banda, Pilar García Porto recalcou que “este anuncio supón un fito importante para a proxección de Antas de Ulla e da súa comarca como lugar de identidade turística e con proxección social”. Recordou tamén que “desde hai décadas os veciños e veciñas deste municipio sabemos e sentimos que somos o corazón de Galicia e hoxe, ese orgullo tradicional dá paso a unha certeza absoluta coas coordenadas que acredita o Instituto Xeográfico Nacional. Isto para nós supón un xiro de 180 grados de cara á proxección de futuro do noso concello”.
“Esta obra é a nosa identidade co territorio, unha realidade coa que poñemos en valor o noso rural, as nosas raíces e coa que lle dicimos a toda Galicia que o interior ten moito que ofrecer”, sinalou Pilar García.
Unha inauguración aberta á cidadanía
A apertura do Parque Central de Galicia contará cunha programación pensada para a participación da veciñanza e para poñer en valor os recursos culturais, sociais e gastronómicos da contorna. A cita, que se desenvolverá durante a tarde do domingo, incluirá actuacións de colectivos culturais da Ulloa, entre os que se atopan a Asociación Cultural Fiadeira, a Coral Polifónica Sons do Farelo e a Banda de Música de Antas, con máis de 125 anos de traxectoria e exemplo de compromiso interxeracional coa cultura local.
A xornada completarase cun concerto do grupo Treixadura, que pechará a programación e será un dos principais atractivos musicais da inauguración.
O público asistente poderá gozar dunha mostra de produtos gastronómicos de proximidade, con especial protagonismo ás elaboracións tradicionais como queixos, pan artesán, galletas e empanadas galegas, reforzando a conexión entre territorio, identidade e produto local.