A Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforza o apoio á gandería extensiva coa sétima edición do programa “O Que Non Arde”
Daniel García: “apoiamos un modelo produtivo que reduce a biomasa nos montes e aumentando pois, a protección fronte aos lumes”
As ganderías de ovino, cabrún, porcino e cabalar en réxime extensivo poden solicitar as axudas desde o 19 de xuño ao 10 de xullo
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha a sétima edición da convocatoria da axudas á gandería extensiva “O que non arde”, cun orzamento de 400.000 euros.
O Boletín Oficial da Provincia publicou este xoves bases da convocatoria, dirixida a ganderías de cabalar, ovino, cabrún e porcino, que poderán solicitar axudas para financiar investimentos e gastos relacionados co manexo, a alimentación e a sanidade do gando en extensivo.
Concretamente, contémplase a subvención da compra de pastores eléctricos e accesorios para o seu funcionamento como baterías ou placas fotovoltaicas, a compra e o mantemento de valados móbiles de malla electrificada, de valados fixos electrificados, de colares intelixentes para a monitorización da actividade animal, de refuxios, de pasos canadenses e doutros elementos para silvopastoreo como curros, mangas de manexo, comedeiros e bebedeiros móbiles ou pasos canadenses.
O deputado de Rural Daniel García explicou que “seguimos reforzando un programa que se puxo en marcha en 2020 para contribuír ao aproveitamento e á xestión integral do monte e que se consolidou nestes anos como un instrumento de apoio á gandería extensiva, un modelo produtivo que fixa poboación no territorio, que conserva o medio natural e que actúa como barreira eficaz contra os lumes”
O responsable provincial detallou que “o programa foi incorporando medidas demandadas por ganderías e por colectivos e profesionais que traballan no rural, tratando de proporcionar un apoio efectivo e real a quen están día a día no territorio”. Nesa liña, explicou que “nas últimas edicións se incorporou o financiamento de elementos como os colares intelixentes, que utilizan a tecnoloxía para facilitar o control do gando no monte” .
Daniel García destacou que “coa ampliación de orzamento das últimas convocatorias, O que non arde consolidouse como a principal liña de axudas directas para as ganderías que están a realizar un traballo pouco visible pero moi necesario, como as ganderías de cabalar, que contribúen a reducir a biomasa nas principais serras da provincia, como o Xistral e Cadramón”.
As axudas, que poden solicitarse do 19 de xuño ata o 10 de xullo, poderán chegar a un máximo de 6.000 euros ou 12.000, no caso de incluiren pasos canadenses ou colares intelixentes, dacordo cos criterios establecidos nas bases, simplificadas respecto de anteriores convocatoria co fin de axilizar a tramitación administrativa e abrir a convocatoria a novas persoas beneficiarias. Así, na concesión prímase cunha puntuación adicional as persoas que non recibiron as axudas na convocatoria de 2025.
As bases da convocatoria e os modelos de solicitude están dispoñibles na web da Deputación de Lugo, nesta ligazón
Nova edición dun programa pioneiro
A área de Rural puxo en marcha o programa “O que non arde´” en 2020, cunha primeira edición centrada na xestión do monte, na que se financiou a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes. Beneficiáronse da convocatoria 18 comuneiros a título particular e 7 CMVMC, de Castroverde, Sarria, Ourol, Abadín, Friol, Mondoñedo, Viveiro.
Nas 4 últimas edicións, 2022, 2023, 2024 e 2025, as axudas orientáronse a gandería de cabrún, ovino e porcino, apoiando a posta a disposición destas ferramentas para os/as gandeiros/as da provincia de Lugo, co fin último de apoiar a xestión do territorio, o mantemento da paisaxe, a conservación da biodiversidade e a redución de biomasa no monte. Na anualidade pasada concedéronse 72 axudas a ganderías das distintas comarcas lucenses.
Tendo en conta a contía orzamentada para a convocatoria deste ano, a área de Rural suma un total de 1.145.000 euros destinados ao programa “O Que Non Arde”, que conta con recoñecemento de diferentes entidades e foros estatais -WWF Adena ou Territorios Pastoreados da Fundación Entretantos- como iniciativa institucional das administracións públicas de apoio á Gandería Extensiva.