O Campionato de España de Barco Dragón reunirá a preto de 800 deportistas esta fin de semana coa Deputación como principal colaboradora
“É un orgullo ser a principal institución que impulsa esta cita e facémolo porque cremos no deporte como unha ferramenta que mellora a vida das persoas, fomenta hábitos de vida saudables e promove a igualdade”
O Campionato reunirá a 29 clubs chegados de diferentes puntos do país e inclúe un total de 15 probas deportivas. Ambas as dúas xornadas comezarán a partir das 09:00 horas no río Miño ao seu paso por Lugo
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a Presidenta do Club Piragüismo Cidade de Lugo, Margarita Arias González, asinaron este martes un convenio de colaboración para apoiar a celebración do Campionato de España de Barco Dragón 200 metros, que terá lugar esta fin de semana en Lugo. A sinatura do acordo produciuse antes da presentación oficial do evento deportivo e inclúe unha achega económica por parte da institución provincial de 25.000€, converténdose así na principal administración colaboradora. Esta cita deportiva, que reunirá a preto de 800 palistas de 29 clubs chegados de diferentes puntos do país, inclúe un total de 15 probas.
“É unha satisfacción que Lugo acolla o Campionato de España de Barco Dragón que converterá o río Miño nun escenario de primeiro nivel para esta modalidade” e recoñeceu a mandataria provincial que para a Deputación de Lugo “é un orgullo ser a principal institución que impulsa este evento. Facémolo porque cremos no deporte como unha ferramenta que mellora a vida das persoas, fomenta hábitos de vida saudables, promove a igualdade e contribúe ao desenvolvemento da nosa provincia”.
Carmela López fixo especial fincapé en que “o barco dragón converteuse para moitas mulleres que superaron un cancro de mama nun espazo de recuperación, de superación persoal e de apoio mutuo”.
Na súa intervención a Presidenta tamén avanzou que este Campionato “representa unha excelente oportunidade” para a hostalería, o comercio e para os pequenos negocios “que durante esta fin de semana recibirán visitantes chegados de toda España. Cada evento deportivo deixa tamén un importante retorno económico, pero, ademais, permítenos mostrar quen somos. Amosar o noso patrimonio, a nosa gastronomía, a hospitalidade da nosa xente e a riqueza natural que nos rodea. É a mellor carta de presentación que pode ter un territorio”. Rematou agradecendo á organización “o magnífico traballo que está a realizar” e convidou a todos os veciños e veciñas da provincia a que se acheguen este sábado 4 e domingo 5 de xullo ata Lugo.
15 probas deportivas e múltiples categorías
O Campionato de España de Barco Dragón 200 metros é unha competición oficial de ámbito nacional que inclúe un total de 15 probas deportivas e categorías feminina, masculina, mixta, veterana e Paradragón (PD1, PD2 E PD3), que integra a participación de mulleres que superaron un cancro de mama e doutros colectivos vinculados ao deporte inclusivo e á recuperación da actividade física. Ambas as dúas xornadas comezarán ás 09:00 horas e prevese a chegada das diferentes delegacións e equipos xa o venres 3 de xullo, co obxectivo de realizar o rexistro de participación, probas técnicas e adestramentos oficiais previos ao inicio da competición.
