Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

 A Vicepresidencia da Deputación adxudica a obra de reforma do palco do Pazo, que habilitará 116 asentos para público xeral

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
PAZO

 A Vicepresidencia da Deputación adxudicou a reforma do palco do Pazo Provincial dos Deportes, que porá a disposición do público xeral 116 novos asentos. A intervención, que suporá un investimento de 47.000 euros, contempla a reestruturación da grada  na contorna do palco actual, reducindo as súas dimensións para ampliar as prazas dispoñibles para o público de cara a vindeira temporada.

O vicepresidente da Deputación  Efrén Castro destacou que “seguimos avanzando na modernización do Pazo, con investimentos continuos nas instalacións, e cumprindo co compromiso adquirido na presentación do proxecto de executar de inmediato a reforma do palco para habilitar 116 novas prazas para a vindeira temporada”

A reforma do palco é unha das actuacións previstas no estudo de ampliación do Pazo, que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou o pasado mes de maio. O proxecto contempla a creación dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio, a altura da terceira planta, que permitiría habilitar novos corredores de distribución e ocupar os actuais con gradas fixas para ampliar en 1000 prazas a capacidade total da instalación.

O informe , que estima en 13 M€ o investimento necesario para executar a reforma,  foi remitido o pasado 9 de xuño á Xunta de Galicia,  ao Concello de Lugo e ao Consello Superior de Deportes para facilitar que as institucións mencionadas valoren o proxecto e concreten a súa colaboración na obra.

Actuacións de mellora nas instalacións deportivas nos últimos anos

A reforma do palco de autoridades supón un novo paso na modernización e actualización das instalacións deportivas provinciais desenvolvidas nos últimos anos; entre elas, a renovación dos asentos do anel inferior e da iluminación, melloras de accesibilidade no exterior do edificio, traballos de pulido, vernizado e pintado da pista, limpeza integral da fachada, instalación de varandas nas escaleiras de acceso ou a impermeabilizacion da cuberta e a instalación do videomarcador.

As actuacións no Pazo súmanse intervencións no Anexo como a renovación do parqué da pista e a construción de novos vestiarios para os usuarios e usuarias desta instalación, que supuxeron un investimento conxunto arredor dos 2 M€.