Deputación de Lugo

25 persoas do Centro Penitenciario de Bonxe achéganse ás artes escénicas grazas á Deputación

O Deputado de Promoción Económica e Social asistiu ao último obradoiro de teatro que impartiu a compañía Bengala no Centro. A sesión enmárcase dentro dun programa de reinserción social que busca traballar a autoestima, a comunicación e a empatía

“Na Deputación entendemos que apoiar a cultura tamén significa apoiar proxectos que melloran a vida das persoas. E este é un bo exemplo. Aquí o teatro converteuse nun espazo para compartir, para escoitar e para expresarse”, avanzou Rivera Capón

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, achegouse este martes ata o Centro Penitenciario de Bonxe para asistir ao último obradoiro de teatro, financiado pola institución provincial, no que participaron 25 persoas reclusas. Trátase dun programa de reinserción social impartido pola compañía Bengala Teatro Físico na que os participantes se achegaron ás artes escénicas e traballaron na autoestima, na capacidade de comunicación e na empatía. 

Pablo Rivera puxo en valor o esforzo e o traballo da grupo teatral que impartiu as diferentes sesións, á dirección e ao persoal do Centro, así como a “todas as persoas que vos sumastes a este experiencia”. Avanzou tamén que “a mellor valoración do proxecto chegou dos propios participantes, que pediron darlle continuidade aos obradoiros. Iso di moito do traballo realizado e do ambiente que se conseguiu crear”.

“Na Deputación de Lugo entendemos que apoiar a cultura tamén significa apoiar proxectos que melloran a vida das persoas. E este é un bo exemplo. Aquí o teatro converteuse nun espazo para compartir, para crear, para escoitar e para expresarse. Un espazo onde cada un de vós puido achegar algo propio á experiencia colectiva”, asegurou o Deputado Provincial.

Este programa teatral de reinserción social desenvolveuse na Unidade Terapéutica Educativa e no Módulo de Mulleres do Centro Penitenciario de Bonxe. A iniciativa incluíu sete sesións formativas e unha mostra final na que os participantes amosaron o traballo realizado durante estas semanas. Os obradoiros permitíronlles achegarse ao teatro e á creación escénica a través do movemento, o xogo e a exploración corporal e organizáronse co obxectivo de crear un espazo seguro de creación artística dentro do contexto penitenciario, onde cada participante puido experimentar, expresarse e compartir sen xuízo.