Deputación de Lugo

A Deputación impulsa unha Administración Local máis preparada con 21 accións formativas do Plan Agrupado de Formación Continua

plan agrupado de formación continua
Esta iniciativa, que desenvolve a institución provincial desde 1995, capacitará este ano a preto de 1.000 empregados e empregadas públicos en materias como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, as competencias dixitais ou a protección de datos

Carmela López destaca que “investir na capacitación do persoal é investir nuns servizos públicos de maior calidade, porque unha Administración moderna non depende só da tecnoloxía; depende, sobre todo, das persoas que a fan posible cada día”

A Deputación de Lugo está a impulsar unha Administración Local máis moderna e preparada a través dunha nova edición do Plan Agrupado de Formación Continua. Este programa que a institución provincial desenvolve desde 1995 está consolidada como unha ferramenta estratéxica para mellorar a capacitación do persoal das entidades locais e contribuír á mellora dos servizos públicos que recibe a veciñanza. 

A Presidenta da Deputación, Carmela López, valorou esta iniciativa “que nos permite apoiar aos concellos, especialmente aos de menor tamaño, poñendo á súa disposición recursos e oportunidades de formación que dificilmente poderían asumir con medios propios”. “Investir na capacitación do persoal é investir nuns servizos públicos de maior calidade. Unha Administración moderna non depende só da tecnoloxía; depende, sobre todo, das persoas que a fan posible cada día”, engadiu.

O Plan Agrupado de Formación Continua 2026 está dirixido aos 5.114 empregados e empregadas públicos das administracións locais da provincia e oferta este ano un total de 664 horas lectivas e 975 prazas en 21 accións formativas que se desenvolven entre xuño e novembro.

Este programa, con máis de tres décadas de traxectoria, reflicte, en palabras da Presidenta, “a aposta sostida da Deputación por acompañar aos concellos na mellora da súa capacidade de xestión, ofrecendo formación especializada que resulta especialmente valiosa para os municipios pequenos, que dificilmente poderían dispoñer dunha oferta destas características con recursos propios”.

A edición de 2026 reforza a aposta da Deputación de Lugo pola modernización da Administración Local incorporando materias de plena actualidade como a intelixencia artificial aplicada á xestión local, a ciberseguridade, as competencias dixitais avanzadas, a protección de datos, a contratación pública, a xestión orzamentaria, a atención á cidadanía ou a protección do medio ambiente, sen deixar de lado ámbitos esenciais para o funcionamento diario das entidades locais.

O Plan está deseñado para dar resposta ás necesidades de todas as escalas da Administración Local, tanto da Administración Xeral como da Especial, dando cobertura ao persoal técnico, de xestión, administrativo, auxiliar e subalterno, así como a colectivos específicos, entre eles as policías locais.

Outro dos piares desta iniciativa é facilitar o acceso á formación con independencia do concello no que desenvolva o seu traballo cada empregado ou empregada pública. Por iso, a maior parte das accións impártense en modalidade en liña, complementadas con telepresenza e videoconferencia, reducindo desprazamentos e favorecendo a conciliación. “O obxectivo é que o coñecemento chegue a todo o territorio e que a distancia non supoña unha barreira para seguir formándose”, explica a Presidenta.

Con esta nova edición, a Deputación de Lugo reafirma unha política pública que leva máis de tres décadas contribuíndo á profesionalización do persoal das entidades locais e ao fortalecemento da Administración Local. Un investimento nas persoas que permite aos concellos ofrecer uns servizos públicos cada vez máis eficaces, innovadores e próximos á cidadanía.