A Deputación acompaña á Raíña Sofía na súa visita ao Courel para coñecer os traballos de recuperación ambiental tras os lumes de 2022
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na comitiva que recibiu á Raíña Sofía na súa visita ao Courel. Un acto oficial no que tivo a ocasión coñecer os traballos de recuperación ambiental que a súa fundación está a levar a cabo no souto de Vilar. Esta aldea foi a que sufriu as peores consecuencias dos lumes do 2022, que arrasaron 11.100 hectáreas entre os concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga e Samos. A fundación da Raíña Sofía comprometeuse a colaborar na plantación de castiñeiros, tras a retirada das especies queimadas hai uns meses.
No acto, que se desenvolveu na Casa do Concello de Folgoso, o Deputado estivo acompañado pola Alcaldesa da localidade, Dolores Castro, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, entre outras autoridades.