Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia o estendido do aglomerado no tramo urbano da vía LU-P-2901 en Palas de Rei

Palas de Rei
rede viaria provincial
Os traballos afectan a un treito de 816 metros concretamente, ao tramo que conecta desde o cruce coa N-547 ata o final da rúa Agro do Rolo. A institución provincial destina para esta mellora preto de 90.000€

Este proxecto enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Palas de Rei no que se inclúe o acondicionamento deste tramo urbano e a súa posterior cesión ao municipio palense

A Deputación de Lugo vén de iniciar o estendido do aglomerado en quente no tramo urbano da estrada provincial LU-P-2901 ao seu paso polo municipio de Palas de Rei. O traballos, para os que a institución provincial inviste preto de 90.000€, afectan a un treito de 816 metros que vai desde o cruce coa N-547 ata o  final da rúa Agro do Rolo -do punto quilométrico 35,180 ao 35,996-. Unha vez concluídas as tarefas de repavimentación procederase ao repintado da vía e reporase a sinalización vertical necesaria. 

Este proxecto enmárcase dentro dun acordo de colaboración asinado pola Deputación de Lugo e o Concello de Palas de Rei, que contempla tanto o acondicionamento deste tramo da estrada como a súa posterior cesión ao municipio unha vez rematadas as obras. Os traballos, que está a executar a empresa Francisco Gómez y Cía, S.L., contan cun prazo de execución de tres meses.

Esta actuación permitirá mellorar a mobilidade e a seguridade dos veciños e veciñas do municipio. Así mesmo, trátase dunha vía especialmente importante porque a LU-P-2901 conecta Palas de Rei con Lugo e soporta un elevado volume de tráfico tanto rodado como peonil. Ademais, neste tramo tamén se concentran numerosos establecementos comerciais ou locais de hostalería, polo que a súa mellora favorecerá tamén a dinamización social e económica da vila.