Deputación de Lugo

Carmela López destaca que combater a despoboación é unha ferramenta chave na prevención dos lumes

Eixo Atlántico
lumes forestais
A Presidenta da Deputación puxo en valor un informe do Eixo Atlántico que vincula o reto demográfico cos grandes incendios forestais e reivindica a prevención e a xestión activa do territorio como principais ferramentas para reducir o risco

Juan Picos, profesor de enxeñería forestal da Universidade de Vigo e autor do informe, detallou que o documento analiza a evolución dunhas 4.400 unidades administrativas de España, Portugal e Francia entre os anos 2016 e 2026

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, destacou este martes que combater a despoboación é unha ferramenta chave na prevención dos lumes. Unhas declaracións que realizou durante a presentación do Análise da relación entre despoboamento rural e cambio nos réximes de incendios do Sureste Europeo no Pazo de San Marcos. O informe, impulsado polo Eixo Atlántico e elaborado polo enxeñeiro forestal Juan Picos, sinala a revitalización do territorio como unha das principais ferramentas para reducir o risco dos grandes lumes.

Carmela López destacou que “na provincia de Lugo sabemos ben do que falamos cando falamos de incendios forestais. Vímolos xa este verán e sufrímolos nos últimos anos, con lumes que deixaron unha fonda pegada, especialmente na Ribeira Sacra”.

“Este é o cambio de modelo que Galicia necesita. Non podemos conformarnos cun sistema que concentra os esforzos na extinción. A prevención debe ocupar o lugar central, con planificación, con recursos suficientes e cunha xestión activa do territorio durante os doce meses do ano”, argumentou.

Puxo sobre a mesa  a Presidenta que “a ciencia confirma o que o rural leva moito tempo advertindo: o abandono do territorio, a perda da actividade agraria e forestal e o despoboamento aumentan o risco e fan que os incendios sexan cada vez máis difíciles de controlar. Esa realidade non admite improvisación, require políticas sostidas no tempo”. 

Sinalou que desde a Deputación “seguiremos asumindo as nosas responsabilidades: colaborando cos concellos, investindo no rural e contribuíndo a manter vivo o territorio”, pero que “Galicia merece unha política forestal á altura do reto que ten por diante”.

Dez anos de evolución demográfica e de incendios

O estudo, que presentaron o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o propio autor, analiza a evolución demográfica e os incendios rexistrados entre 2016 e 2026 en máis de 4.400 unidades administrativas de España, Francia e Portugal. Os datos obtidos confirman a estreita relación que existe entre o abandono do medio rural, o envellecemento da poboación e a proliferación dos grandes lumes forestais.

Segundo explicou Picos, o abandono da actividade agrícola, gandeira e forestal favorece a expansión das matogueiras, a acumulación de combustible vexetal e a perda da paisaxe en mosaico, un elemento clave para frear a propagación do lume. Factores aos que se suma o envellecemento, a perda de servizos básicos a diminución da capacidade de xestión do territorio ou o cambio climático, elevando o risco de incendios extremos.

Unha ferramenta para orientar as políticas locais

As medidas propostas no texto para frear esta tendencia pasan pola recuperación da actividade no sector primario, a conservación das paisaxes diversificadas, o impulso do relevo xeracional ou unha xestión que limite a acumulación de biomasa.

Elaborado no marco do programa europeo SUDOE, este análise está dispoñible na web do Eixo Atlántico -https://www.eixoatlantico.com- e pon a disposición dos municipios de Galicia e o norte de Portugal unha ferramenta de referencia para orientar as políticas locais de prevención e de ordenación do territorio.