Miguel Fernández destaca a colaboración co Colexio de Avogados de Lugo “para garantir o acceso á xustiza das persoas internas”
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, coñeceu na sede do Colexio de Avogados de Lugo o funcionamento do Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penal (SOAJP), dirixido a atender as necesidades xurídicas das persoas internas nos centros penais de Bonxe e Monterroso.
Miguel Fernández fixo entrega a Xosé Manuel Fernández Varela, decano da entidade colexial, do novo convenio de colaboración que permitirá continuar esta anualidade co desenvolvemento deste servizo, “que desde hai anos presta asesoramento xurídico especializado a un colectivo especialmente vulnerable”. A Deputación achega 12.000 euros para colaborar no financiamento do SOAJP, unha cantidade que representa máis do 80 % do custo total do programa que ten un orzamento de preto de 14.500€. Esta achega permite contribuír aos gastos derivados da formación obrigatoria dos profesionais participantes, dos desprazamentos aos centros penais e da compensación económica pola prestación do servizo de asesoramento.
Segundo sinalou o Deputado grazas a esta cooperación institucional “garantimos o acceso á xustiza das persoas internas, permitíndolles ter orientación e apoio xurídico en cuestións relacionadas cos seus dereitos, coa súa situación penitenciaria e cos procedementos nos que estean inmersas”.
O Servizo de Orientación e Asistencia Xurídica Penal está integrado por avogados e avogadas que, tras recibir unha formación específica organizada polo Colexio da Avogacía de Lugo, prestan atención ás persoas internas dos centros penais de Monterroso e Bonxe. O servizo organízase mediante quendas de atención semanal, con consultas presenciais nun dos centros e atención telemática para o outro cando resulta posible.
Entre as funcións dos profesionais do SOAJP atópanse o asesoramento sobre os dereitos das persoas internas, a orientación ante posibles sancións ou restricións de dereitos, a colaboración na tramitación do dereito á xustiza gratuíta e a coordinación cos avogados e avogadas particulares ou de oficio que teñan asumida a súa defensa.
O Colexio da Avogacía de Lugo é o encargado da organización e coordinación do servizo, así como da formación dos letrados participantes e da interlocución cos centros penais para canalizar as consultas e solicitudes de asesoramento.