A Deputación de Lugo colabora coa II Festa-Foliada do Emigrante que se celebra esta sábado na praza do Cádavo
A Deputación de Lugo colabora coa celebración da II Festa-Foliada do Emigrante, organizada pola Asociación Cultural Toxo Queimado no concello de Baleira, contribuíndo á organización desta cita, que terá lugar este sábado na praza do Cádavo.
O Deputado Miguel Fernández xunto ao representante do colectivo, Javier Núñez, presentou esta mañá no Pazo de San Marcos esta festa.
A programación de xornada combinará música tradicional, baile, feira de artesanía, gastronomía e actividades de convivencia, converténdose nun punto de encontro para a veciñanza, as persoas emigradas que regresan durante o verán e os visitantes. A música arrancará coa actuación da propia Asociación Cultural Toxo Queimado, continuará coa sesión vermú amenizada pola Charanga Os Sureños e, xa pola tarde, contará coas actuacións de diferentes grupos de música tradicional, da formación A Volta do Agro e novamente de Toxo Queimado. A xornada culminará co concerto do grupo Ardentía e cunha sesión de DJ Valiño, ofrecendo unha programación continua que combina tradición e música en directo para todos os públicos
A achega da institución provincial permite garantir as condicións técnicas necesarias para un día de troula no que participarán distintas formacións musicais e culturais ao longo de toda a xornada, favorecendo que o evento poida celebrarse coa calidade e seguridade que require unha cita destas características.
Con esta colaboración, a Deputación reafirma o seu compromiso co tecido asociativo da provincia e co apoio a iniciativas que contribúen á conservación e difusión do patrimonio cultural inmaterial, ao tempo que fortalecen a identidade dos concellos, fomentan a participación cidadá e dinamizan a economía local.
A Asociación Cultural Toxo Queimado é unha entidade sen ánimo de lucro con preto dun cento de persoas asociadas e unha ampla traxectoria na promoción da cultura tradicional galega. No seu seo intégranse unha banda de gaitas, grupos de pandeireteiras, baile e canto tradicional, ademais doutras formacións musicais, desenvolvendo durante todo o ano actividades de formación, divulgación e participación cultural que a converteron nun referente no municipio de Baleira.
A II Festa-Foliada do Emigrante nace co obxectivo de reforzar os vínculos entre as persoas que residen en Baleira e aquelas que, por mor da emigración, viven fóra pero regresan á súa terra durante o período estival. A programación inclúe unha feira de artesanía, actuacións de agrupacións tradicionais, sesión vermú, comida popular, concertos e unha sesión musical nocturna, configurando unha proposta aberta a todos os públicos que pon en valor a cultura popular como elemento de cohesión social.