Máis de 200 afeccionados do motor participarán na II Concentración do Motoclube Rábade Biker’s, co apoio da Deputación
Máis de 200 afeccionados ao mundo do motor participarán na II Concentración do Motoclube Rábade Biker’s, que se celebrará os días 22 e 23 de agosto e que conta coa colaboración da Deputación que achega 1.500 euros para o desenvolvemento do evento.
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, xunto ao Secretario da Asociación Motoclube, Jesús Rozas, e outros integrantes e motoristas do colectivo, presentaron na Praza de San Marcos a segunda edición desta cita que combina a afección polo motociclismo con un amplo programa de actividades e un percorrido por Rábade, Friol e Cospeito.
“Trátase dunha cita que reúne aos amantes do motociclismo pero tamén ten un impacto importante para o propio municipio, xa que “atrae visitantes, xera actividade e axuda a dar a coñecer Rábade”, subliñou Carlos López.
O Deputado sinalou ademáis que “desde a Deputación queremos apoiar precisamente ese tipo de iniciativas, actividades que dinamizan os concellos e que tamén contribúen á promoción da provincia”. “Por iso colaboramos nesta edición. Unha colaboración importante para poder sacar adiante actividades como esta e, sobre todo, unha mostra do noso compromiso con Rábade e co tecido asociativo da provincia”, afirmou.
Unha concentración que conta cun amplo programa de actividades
A II Concentración do Motoclube Rábade Biker's desenvolverase os días 22 e 23 de agosto cun amplo programa de actividades pensado tanto para os afeccionados ao motociclismo como para o público en xeral. Haberá rutas moteiras, concertos, sesións musicais, zona de acampada, postos de venda, comida popular e diferentes actividades que converterán Rábade nun punto de encontro para centos de amantes das dúas rodas durante toda a fin de semana.