Carmela López reivindica na Feira de Artesanía e Gastronomía de Castroverde o compromiso da Deputación co apoio aos concellos
“Aquí hai moito máis que unha xornada festiva. Hai unha cita consolidada que pon en valor o mellor do municipio e é tamén unha oportunidade para dinamizar a actividade económica e atraer visitantes ao municipio”, valorou a mandataria provincial
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este domingo xunto ao Alcalde de Castroverde e Deputado provincial, Xosé María Arias, na XIX Feira de Artesanía e Gastronomía do municipio. Unha cita que forma parte da programación cultural da localidade, que se financia con preto de 30.000 euros do Plan Deputación, e na que a mandataria puxo en valor o compromiso da institución provincial cos concellos.
“Aquí hai moito máis que unha xornada festiva. Hai unha cita consolidada que pon en valor o mellor do municipio, un punto de encontro para a veciñanza e hai tamén unha oportunidade para dinamizar a actividade económica e atraer visitantes ao municipio”, valorou Carmela López.
Destacou que a colaboración a través do Plan Deputación permite “que os concellos teñan recursos para impulsar a súa propia programación e para decidir aquelas actividades que consideran importantes para os seus veciños e veciñas”. No caso de Castroverde, esta colaboración permite apoiar en Castroverde, ao longo do ano, actividades como as celebracións de Nadal e a Cabalgata de Reis, o Entroido, a Festa dos Avós, as Festas do Santiago Apóstolo ou a Feira da Artesanía.
Na cita, acompañaron a Carmela López e Xosé María Arias, o Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díez e a Directora do CPI Plurilingüe de Castroverde e pregoeira, Ana María Pérez Veiga, entre outras autoridades.
A XIX Feira de Artesanía e Gastronomía ofrece durante toda a xornada un amplo programa no que a tradición ocupa un papel protagonista. As persoas asistentes poden desfrutar de obradoiros artesanais e demostracións en vivo de distintos oficios artesanais, ademais das propostas gastronómicas e das diferentes actividades programadas.