A Deputación inicia a mellora da estrada provincial que conecta Chantada e Carballedo
A Deputación de Lugo está a executar os traballos de mellora da LU-P-1807, a estrada que conecta Chantada e Carballedo por Santa Uxía ata Cartelos. As actuacións que está a levar a cabo a empresa Fevisa Vías y Obras SL comezaron esta semana coa limpeza das cunetas e continuarán nos vindeiros días coa mellora da drenaxe e o acondicionamento do firme na vía.
Estas obras permitirán arranxar case todo o trazado da estrada, desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 9,4, cun investimento de case 250.000 euros. O obxectivo é incrementar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación nesta vía provincial.
Trátase dunha actuación de relevancia para as parroquias de Santa Uxía e Cartelos, nos concellos de Chantada e Carballedo, xa que esta estrada é unha vía de uso habitual para a veciñanza, pois facilita os desprazamentos, o acceso aos servizos e á actividade económica da contorna. Ademais, a mellora desta estrada contribúe a reforzar a conexión e a mobilidade no rural, contribuíndo a fixar poboación no territorio.