A Deputación aproba investimentos por preto de 400.000€ para mellorar estradas e impulsar o rural
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou nesta xornada novos investimentos por un importe conxunto de preto de 400.000€ para a provincia. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á reunión semanal que tivo lugar no Pazo de San Marcos.
“Son recursos que imos destinar a tres ámbitos moi concretos: á mellora das estradas provinciais, á creación de novas oportunidades no rural e á adaptación das instalacións da propia Deputación ás necesidades que temos hoxe e ás que teremos no futuro”, destacou Pilar García Porto.
No tocante á mobilidade, aprobouse licitar por 227.000€ as obras de mellora de tres tramos das estradas provinciais LU-P-1306 e LU-P-5603, ao seu paso polo Concello do Incio. García Porto sinalou que “estas obras foron un compromiso adquirido pola presidenta da Deputación cos veciños e veciñas durante unha recente visita ao municipio”.
Na LU-P-1306, que comunica Megoxe, Seceda e Ferrería de O Incio, a institución provincial actuará nun tramo de case catro quilómetros, entre os puntos quilométricos 21,124 e 24,886, mediante o acondicionamento do firme. O prazo previsto para executar os traballos é de catro meses.
Na outra vía provincia, a LU-P-2503, actuarase en dous tramos, entre os quilómetros 2,500 e 2,600 e entre o 6,100 e o 6,900. Os traballos incluirán a mellora do firme con aglomerado en quente e actuacións para favorecer a evacuación das augas superficiais. Ademais, as intervencións completaranse co repintado das marcas viarias e a reposición da sinalización vertical.
“Estas actuacións permitirán avanzar nunha rede viaria provincial máis segura e en mellores condicións para as persoas que viven, traballan e desenvolven a súa actividade económica nos municipios da provincia”, subliñou a Voceira Socialista do Goberno.
Colaboración co Concello de Ribeira Piquín
A Xunta de Goberno tamén aprobou a colaboración co Concello de Ribeira de Piquín para financiar a instalación e posta en marcha dunha cociña comunitaria no Centro de Día da residencia municipal, situado no Chao do Pousadoiro. O proxecto conta cun orzamento de máis de 100.000€, dos cales 55.000 serán achegados pola Deputación.
Pilar García Porto avanzou que “a nova infraestrutura concíbese como un espazo de interese público destinado a contribuír á dinamización económica, social e comunitaria do municipio, facilitando novas oportunidades para o emprendemento, a valorización dos produtos de proximidade e a conservación e difusión da gastronomía e dos recursos propios do territorio”.
“Este tipo de iniciativas son especialmente importantes nos concellos pequenos, onde a creación de novas oportunidades pode contribuír a que as persoas poidan emprender, traballar e desenvolver o seu proxecto de vida no rural”, argumentou a Deputada.
Renovación eléctrica no Parque Móbil do Ceao
Ademais, a Xunta de Goberno licitou as obras de reforma eléctrica das instalacións do Parque Móbil da Deputación no Ceao. A actuación conta cun investimento de licitación de máis de 105.000€ e responde ao incremento da intensidade de uso das instalacións e á incorporación de novas actividades e equipamentos nos últimos anos.
O Parque Móbil conta actualmente con diferentes servizos e equipamentos, entre eles o Servizo de Audiovisuais e puntos destinados á recarga de vehículos eléctricos, polo que resulta necesario adaptar e reorganizar a instalación eléctrica para garantir que poida responder con seguridade e eficiencia ás necesidades actuais.