Deputación de Lugo

Carmela López aposta pola xornalista Carmen Uz para liderar a estratexia de comunicación da Deputación de Lugo

carmela lópez
xefa de prensa
“Sumamos experiencia e coñecemento para seguir avanzando nunha comunicación próxima, áxil, rigorosa e transparente”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, aposta pola xornalista Carmen Uz (A Pastoriza, 1978) para asumir desde hoxe a dirección do Gabinete de Comunicación e liderar a estratexia comunicativa do Goberno provincial.

Uz toma o relevo de Beatriz Yáñez, que estivo ao fronte da comunicación da institución en diferentes etapas e que recentemente iniciou outro reto profesional. A Presidenta agradeceu o seu traballo e dedicación á Deputación e desexoulle o mellor nesta nova etapa.

Carmen Uz estará ao fronte dun equipo integrado por profesionais da comunicación que levan anos desenvolvendo o seu labor na institución e que se reforza coa incorporación de novos perfís.

A nova responsable asumirá a coordinación do Gabinete de Comunicación, a relación cos medios e a planificación e seguimento da actividade informativa, ademais de impulsar a estratexia dixital da institución para achegar á cidadanía dun xeito máis directo e accesible o traballo que desenvolve a Deputación nos 67 concellos da provincia.

“Sumamos experiencia e coñecemento para seguir avanzando nunha comunicación próxima, áxil, rigorosa e transparente, que permita explicar con claridade o traballo da Deputación e chegar cada vez máis á cidadanía”, destacou Carmela López, quen deu a benvida a Carmen Uz e agradeceu a súa disposición para asumir esta nova responsabilidade.

A incorporación de Uz súmase á de Silvia Pigueiras como Xefa de Gabinete en xaneiro, dentro da configuración do equipo de Presidencia impulsada por Carmela López.

Máis de 25 anos ligada á información de Lugo

Carmen Uz desenvolveu a súa carreira profesional durante máis de 25 anos no xornal El Progreso. Comezou na sección Local, e tras unha etapa cubrindo a actualidade da Montaña lucense, volveu a centrarse na cobertura da vida da capital lucense, onde se especializou na información municipal e política da cidade e da provincia. A súa traxectoria está estreitamente vinculada ao seguimento da actualidade social, política e institucional de Lugo e da provincia.

Durante os catro últimos anos, Uz exerceu tamén como Presidenta da Asociación da Prensa de Lugo, responsabilidade que reforza a súa vinculación coa profesión xornalística e o seu coñecemento do sector dos medios de comunicación.

O labor levado a cabo nos últimos anos no eido profesional e no corporativo fixeron que a nova xefa de comunicación da Deputación destaque polo seu coñecemento da administración pública e das coordenadas da política luguesa e que conte co recoñecemento do sector e dos actores da vida lucense.