Grandes nomes do indie español vibrarán en Lugo cun novo Caudal Fest patrocinado pola Deputación
Lori Meyers, Xoel López, Siloé ou Ultraligera son algúns dos nomes que se inclúen no cartel deste ano. As últimas entradas dispoñibles poden adquirirse na web https://www.caudalfest.es/entradas/
O deputado de formación, ensino e economía do coñecemento, Miguel Fernández, participou este mércores na presentación da oitava edición do Caudal Fest, que se celebrará esta fin de semana nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O evento, que reunirá a unhas 50.000 persoas, inclúe actuacións de artistas galegos como Ortiga; ou grandes nomes do panorama nacional como Ultraligera ou Lori Meyers. As persoas interesadas en adquirir algunha das últimas entradas dispoñibles poden realizalo a través da web oficial https://www.caudalfest.es/entradas/.
O deputado provincial recordou que a institución provincial apoiou este evento -de referencia en Galicia, “desde o primeiro momento” e destacou o incremento do patrocinio ata os 80.000€ “un 60% máis que en edicións anteriores”. Nesta liña, sinalou que “este aumento responde á nosa vontade de seguir apoiando iniciativas que contribúan á promoción da provincia, á chegada de visitantes e á xeración de actividade económica”. Así mesmo, Fernández recordou que foi Lara Méndez como alcaldesa “quen apostou por dar a Lugo un gran festival” unha cuestión que “seguimos impulsando os sucesivos gobernos municipais”.
O mellor do indie para despedir o verán
Case unha vintena de grupos actuarán nesta edición do Caudal Fest que comezará o venres 19 ás 17:00 horas con No quiero. De seguido, subirán ao escenario Besmaya, Anni B Sweet, Inazio, Xoel López, Pignoise, Lori Meyers, Barry B, Sanguijuelas del Guadiana e rematará Ortiga.
O sábado será a quenda de Tere!, encargada de abrir a segunda xornada, que contará tamén coas actuacións de Leire Martínez, O caimán do Río Tera, Carlos Ares, Veintiuno, Siloé, Sexy Zebras e Ultraligera, antes de pechar por todo o alto con La La Love You.