Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación colabora co proxecto Camiño Escena Norte, que trae á provincia algúns dos mellores espectáculos escénicos do norte peninsular

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Foz, Sarria, Ribadeo e Lugo acollerán representacións do ciclo Itinerario Constelacións

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis co proxecto de intercambio cultural a través do teatro Camiño Escena Norte, que programa representacións de 18 compañías de Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Nafarroa e La Rioja polo norte peninsular.

 

O apoio da área de Cultura ao proxecto trae este ciclo teatral, titulado Itinerario Constelacións, a escenarios lucenses. A Sala Bahía de Foz, a Casa da Cultura de Sarria, o Auditorio Gustavo Freire de Lugo e o Auditorio Hernán Naval de Ribadeo acollerán cadansúa representación, entre o 26 de setembro e o 25 de outubro.

 

Nueve Lunas Teatro, de La Rioja, levará a Foz e Sarria Juana I de Castilla, unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Lugo, a compañía asturiana Saltantes presentará La balada del norte, adaptación escénica da novela gráfica de Alfonso Zapico arredor da memoria e do conflito de clases durante a revolución de 1934. Ribadeo acollerá dúas función do espectáculo de ilusionismo inmersivo 3 elementos da compañía navarra Cía Mago Hodei.

 

A deputada de Cultura Iria Castro e a dramaturga, directora e narradora Carmen Conde presentaron no Pazo de San Marcos o calendario lucense deste proxecto cultural promovido por asociacións teatrais das seis comunidades, que valoraron “a oportunidade que este proxecto teatral ofrece as compañías e ao público, que pode ver preto da casa algúns dos mellores espectáculos escénicos do momento”

 

A colaboración con Camiño Escena Norte amplia a aposta da Vicepresidencia da Deputación de Lugo por impulsar a presenza do teatro nas programacións culturais de concellos e asociacións con iniciativas propias como os ciclos de teatro profesional e afeccionado, que implica máis de 50 compañías e grupos teatrais amadores da provincia.

 

 

Itinerario Constelacións. Representacións na provincia:

 

26 de setembro en Foz

Juana I de Castilla. Nueve Lunas Teatro (La Rioja)

Sala Bahía, 19.30 horas.

 

27 de setembro en Sarria

Juana I de Castilla. Nueve Lunas Teatro (La Rioja)

Casa da Cultura. 20.00 horas.

 

17 de outubro en Lugo

Auditorio Municipal Gustavo Freire, 20.30 horas

La Balada del Norte. Saltantes (Asturies)

 

25 de outubro en Ribadeo

Auditorio Hernán Naval, 19.30 e 20.30 horas.

3 elementos – Una experiencia Mágica Inmersiva 360 º. Cía Mago Hodei (Nafarroa)