A Deputación contribúe á saúde física e social das persoas con discapacidade
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou hoxe na cidade do Cabe na presentación da primeira etapa das catro que conforman as XIV Marchas Ciclistas de Special Olympics Galicia
Na mañá de hoxe, deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou en Monforte de Lemos na rolda de prensa que a Asociación de Pais, Nais, Profesionais e Amizades de persoas con discapacidade-Special Olympics Galicia convocou para presentar a primeira etapa das XIV Marchas Ciclistas Unificadas para persoas con discapacidade intelectual, que se celebrará o xoves 1 de outubro na cidade do Cabe.
No acto, o deputado estivo acompañado polo presidente de Special Olympics Galicia Eladio Fernández Pérez, a tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, entre outras autoridades.
Medio centenar de ciclistas unidos pola ilusión, esforzo, compañeirismo e superación
A presentación serveu para dar a coñecer un o circuíto dunha marcha ciclista que transcorrerá integramente polas rúas do concello de Monforte e cuxo punto de partida e final será o Pavillón Municipal A Pinguela.
Están previstos 47 participantes de 5 entidades galegas como son As Burgas (Ourense), ASPAS (Santiago de Compostela), Fundación Eu Son (Burela) e as monfortinas PRODEME e Club Ciclista Monforte. En total o evento mobiliza máis de 200 persoas, entre participantes e organizadores.
A Deputación, a prol da inclusión e a diversidade
O deputado provincial salientou o traballo de Special Olympics “porque non solo se limita a poñer en marcha eventos deportivos coma este senón que a través del derruban barreiras e converten a diversidade en riqueza, non nun obstáculo”.
Neste senso, puxo en valor o compromiso diario da Deputación de Lugo para “lograr que a inclusión sexa unha realidade palpable, para que ninguén quede atrás”. O ente provincial apoia este evento cunha achega de 8.000 euros.