Unha nova placa no Paseo do Cine celebra a irmandade entre o Festival de Cine de Astorga e a Semana de Cine de Lugo, coa que colabora a Vicepresidencia da Deputación
Lugo, 22 de setembro de 2026.- A deputada de Cultura, Iria Castro, participou no acto no que se descubriu unha nova placa no Paseo do Cine, dedicada ao Festival de Cine de Astorga, que vén de irmandarse coa Semana de Cine de Lugo. O acto enmárcase nas actividades da 48ª edición que se celebra estes días na cidade e que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación.
A deputada de Cultura sinalou que “con esta placa recoñecemos un referente entre os certames cinematográficos, e celebramos unha vocación compartida: facer do cinema un punto de encontro para a cultura, a creación e a memoria”.
O Festival de Cine de Astorga está especializado nas curtametraxes e celebrou este setembro a súa 29ª edición. Este irmandamento terá reflexo en diversas actividades nas vindeiras edicións de ambos os festivais, ademais dun acto o 23 de outubro en Astorga, no que se proxectará a película gañadora do certame lucense.
Outras dúas placas no Paseo do Cine
Este ano tamén se colocarán outras dúas placas de homenaxe no Paseo do Cine, que une a avenida da Coruña co Auditorio Gustavo Freire, principal espazo de proxección da Semana de Cine, sumando así 18 placas en total. As outras dúas estarán dedicadas ás actrices lucenses Benedicta Sánchez e Cristina Castaño, e serán descubertas os días 23 e 26 de setembro, respectivamente.