A Deputación apoia o tecido comercial de Chantada na feira Merca Sacra
A institución provincial colabora coa cita cunha achega de case 17.000€.
O deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, asistiu este sábado ao Mercado de Artesanía e Produtos na Ribeira Sacra (Merca Sacra) que se está a celebrar na Praza de España de Chantada. O evento, organizado pola Asociación de Empresarios do municipio, conta cunha achega económica da institución provincial de case 17.000€.
O mercado inclúe postos de cerámica, téxtil, madeira e xoiería, así como unha ampla programación cultural e de lecer. As propostas musicais están protagonizadas por grupos como a Agrupación Tradicional Casa da Música de Chantada, Tirapralá e Daquid Oasma. Ademais, os máis cativos e cativas poden gozar de diversas actividades e obradoiros, entre eles os de elaboración de libélulas e atrapasoños, así como de artesanía en coiro.
Castro Díaz recordou que “desde a institución provincial apoiamos este tipo de eventos porque contribúen a fortalecer o tecido económico, promover os produtos de proximidade e aproveitar o potencial da Ribeira Sacra como motor económico, turístico e cultural”.