Entregados os VII Premios á Excelencia Turística a catro iniciativas que reflicten a riqueza da provincia
O Pazo de San Marcos acolleu na tarde deste martes a gala de entrega dos VII Premios de Turismo, galardóns que entrega o Consello Provincial de Turismo -órgano impulsado e presidido pola Deputación de Lugo- co gallo do Día Mundial do Turismo, que se conmemora cada 27 de setembro.
Nesta edición foron distinguidas catro iniciativas que contribúen á promoción de distintas partes do territorio da provincia e do seu patrimonio material e inmaterial. Son o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, o Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, a Festa da Enfariñada de Trabada e o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade, de Vilalba.
A gala foi conducida polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e contou coa música de Paloma Suanzes, cantante de A Quenlla, cantautora, arranxadora e intérprete galega.
As pezas musicais intercaláronse coa entrega do premio a cada unha das candidaturas, que consistiu nun diploma e nunha figura de cerámica de Gundivós. Foron entregados pola vicepresidenta do Consello e deputada provincial, Pilar García Porto.
Antes diso, a presidenta da Deputación, Carmela López, deu a benvida a premiados, acompañantes e público. Aos galardonados agradeceulles que sexan “embaixadores da nosa esencia”. “Co voso esforzo demostrades que a sustentabilidade non é unha moda. Sodes o motor que transforma o noso patrimonio nunha oportunidade de vida”, engadiu.
A mandataria destacou a “ampla variedade de recursos que ten a provincia, en múltiples lugares e cun completo calendario de actividades ao longo de todo o ano”. E reafirmou o compromiso da Deputación na renovación das infraestruturas, no apoio ás festas e eventos e no impulso á dixitalización e á formación do sector. “Cada euro investido en turismo é un investimento no futuro das nosas cidades, vilas e aldeas”, asegurou.
Os premiados: viños de Ribeira Sacra, torneiros de Xermade, Enfariñada de Trabada, Ruta Arqueolóxica e a Feira Indiana de Santaballa
Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu este ano ao Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos e tamén ao Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade; na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Festa da Enfariñada de Trabada. Pola súa banda, o proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade de Vilalba foi o recoñecido polo seu traballo ao Turismo Sostible.
O proxecto Santaballa, Territorio de Memoria e Sostibilidade, presentado pola Oficina de Turismo de Vilalba, baséase nun binomio turístico innovador e sostible situado na parroquia de Santaballa, que combina unha Ruta Arqueolóxica e a Feira Indiana para potenciar o desenvolvemento local e a Axenda 2030. O proxecto busca aumentar as visitas de xeito responsable a través da conservación do patrimonio e o respecto á natureza, incluíndo futuras iniciativas como rutas guiadas gratuítas.
A Ruta Arqueolóxica de Santaballa é un itinerario de 14,94 km de carácter arqueolóxico e etnográfico, e os seus puntos de visita obrigada son a Escola Habanera (centro social e museo etnográfico que recrea unha aula da época e serve de homenaxe á emigración a Cuba) o Xardín Botánico e o Poboado Castrexo (espazos con especies autóctonas e recreacións patrimoniais) e xacementos como o de Pena Grande (o xacemento paleolítico máis importante de Galicia), Pena Chantada (menhir) e a Medoña de Estelo (túmulo megalítico).
A Feira Indiana e unha celebración anual que recrea a época da emigración chairega a América (especialmente a Cuba). Destaca pola súa antigüidade, xa que alcanza a súa XVI edición, pola ambientación histórica con traxes de época, música, artesanía e pola súa forte implicación veciñal.
O premio foi recollido pola alcaldesa de Vilalba, María Rouco, a concelleira de turismo vilalbesa, María Xosé Fernández, e o presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero.
A Festa da Enfariñada de Trabada é un evento gastronómico e cultural anual que se que organiza o concello de Trabada co obxectivo de recuperar, conservar e divulgar a "enfariñada", un dos pratos máis singulares e representativos da tradición culinaria local. A súa elaboración artesanal e a utilización de ingredientes de proximidade representan un exemplo da riqueza da gastronomía lucense e da capacidade da cociña tradicional para preservar a memoria colectiva dun pobo. A festa converteuse nun referente na comarca da Mariña e en toda Galicia, o que axuda a dinamizar directamente a hostalaría, a restauración e o comercio de proximidade.
O galardón foi recollido polo alcalde de Trabada, Rubén García.
O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, organizado polo Concello de Xermade, celébrase anualmente dende o ano 2001. En vinte anos logrou unha espectacular recuperación do oficio tradicional da tornaría, que estaba a piques de desaparecer. O Pavillón Municipal acolle exposicións de traballos, clases maxistrais, demostracións en directo, feira comercial, obradoiros prácticos para todos os públicos e actividades turísticas para acompañantes.
O evento pasou de ter unha asistencia testemuñal a rexistrar máis de 5.000 visitantes estimados na edición de 2019 e uns 3.000 na de 2021 (con restricións de aforo pola pandemia). Ademais, logrou un alto prestixio que fai que a organización sexa convidada a encontros similares en Francia ou Asturias.
O premio foi recollido polo alcalde de Xermade, Roberto García, e polo Presidente de Amigos da Madeira, Alfonso Franco.
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, é organizado polo Concello monfortino dende o ano 2017 e celébrase anualmente a primeira fin de semana de xullo no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe. En 2026 celebrou a súa oitava edición reunindo a arredor de 30 adegas de todas as subzonas da D.O. Ribeira Sacra, funcionando como un escaparate integral para os viños de viticultura heroica, a gastronomía local, o patrimonio cultural e o enoturismo do sur da provincia de Lugo. O programa inclúe catas comentadas, masterclasses, concertos, obradoiros infantís e as chamadas "Viñorutas”.
O Festival actúa como unha ferramenta clave para a desestacionalización do turismo no interior de Galicia, atraendo a milleiros de visitantes antes do pico do verán e dinamizando sectores coma a hostalaría e o comercio de Monforte e da comarca de Lemos.
O premio foi recollido pola Tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.