Deputación de Lugo

A presidenta da Deputación leva o seu modelo de escoita dos concellos ao foro Territorios que lideran: o futuro comeza no local

carmela lópez
Nun encontro na Facultade de Políticas de Santiago, López pediu recursos para os concellos e lealdade institucional das administracións. “Non se pode atender máis a unha vila porque a súa alcaldesa pensa coma ti, nin deixar de escoitar a un alcalde porque pensa diferente”, afirmou

A alcaldesa de Burela explicou o seu método contra o odio que reciben os políticos nas redes sociais: “Eu nunca respondo e cando atopo os haters pola rúa pídolles que me expliquen cal é o problema ou en que non están de acordo”

A  presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este martes na mesa de clausura do foro Territorios que lideran: o futuro comeza no local, que se desenvolveu ao longo de dúas xornadas en Santiago de Compostela, por iniciativa da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

A iniciativa xuntou coñecemento académico con experiencia de xestores municipais, como a alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación lucense. A mandataria participou nun diálogo sobre o futuro do municipalismo en Galicia que conduciu a decana da facultade, Marta Lois, e no que tamén participaron a tenente de alcaldesa de Santiago, María Rozas, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

As mandatarias falaron das súas experiencias de goberno, deténdose naquelas iniciativas que están a resultar máis transformadoras dos territorios nos que teñen responsabilidades. Neste punto, López referiuse á “transformación social” na que está a traballar en Burela. “Burela é unha vila de persoas de moitas procedencias. Iso forma parte de quen somos, pero a convivencia non sucede automaticamente por vivir na mesma rúa. Hai que crear oportunidades para coñecernos e tamén ofrecer apoio a quen o necesita para poder participar na vida da vila”, sinalou. 

A rexedora faloulle ao auditorio de Políticas -formado por alumnado da facultade e do mestrado de Goberno Local e Políticas Públicas, por técnicos municipais e por académicos- do programa De Cabo a Cabo, celebrado este ano con motivo do encontro entre España e Cabo Verde no Mundial de fútbol. “Pero a convivencia non pode durar só un día. Está tamén nas actividades que levamos aos colexios para que a rapazada escoite experiencias de migración contadas por quen as viviu; na formación en idiomas; e no acompañamento social, psicolóxico e xurídico que ofrecemos”, explicou.

“Somos a primeira porta á que chaman os cidadáns e non podemos dicir que unha competencia non é nosa”

As mandatarias tamén analizaron as relacións entre os concellos e o resto das administracións (deputacións, Xunta e Estado). A alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación pediu respecto e recursos para os concellos. “Somos a primeira porta á que chama a veciñanza. Se unha familia necesita coidados ou unha persoa non atopa vivenda para vir traballar, non lle podemos responder simplemente que iso lle corresponde a outra administración. Intentamos buscar solucións, pero precisamos financiamento e capacidade para actuar”. 

López reivindicou, ademais, lealdade institucional. “Unha alcaldesa ou un alcalde non debería ter medo de quen goberna noutra institución. Debería poder chamar, explicar o que necesita o seu concello e ser escoitado. Non se pode atender máis a unha vila porque a súa alcaldesa pensa coma ti, nin deixar de escoitar a un alcalde porque pensa diferente. Quen paga esa diferenza de trato non é o cargo público: son as súas veciñas e veciños”, sinalou.

López contou que, da mesma forma que como alcaldesa escoita os veciños, como presidenta da Deputación está a recibir a todas as alcaldesas e alcaldes. “Iso foi noticia. E non pode ser noticia”, recalcou. O Plan Deputación responde a esa idea dixo: “fondos repartidos con criterios obxectivos para os 67 concellos e autonomía para que cada un decida as súas prioridades”.

Outra das cuestións polas que foron interpeladas as políticas foi como as institucións que dirixen afrontan os grandes retos da sociedade actual, como a vivenda, os coidados, o reto demográfico e a transición ecolóxica. “Os gobernos locais non somos espectadores dos grandes retos: vivímolos e tomamos decisións sobre eles cada día”. 

Porén, os concellos teñen que ter “paraugas” e non poden seguir asumindo competencias sen recursos, recalcou. Ao contrario, amosouse partidaria de devolverlle as obrigas ás administración que as teñen, como fixeron este ano os concellos da Mariña -tras poñérense de acordo precisamente por iniciativa da alcaldesa burelá-, coa entrega do servizo de drogodependencias á Xunta. “Non hai profesionais no sistema sanitario e vounos ter eu”, apuntou.

López defende o traballo en rede dos concellos e a tecnoloxía como complemento das persoas

Por último, as relatoras deron a súa opinión sobre que cambios consideran necesarios para reforzar a capacidade transformadora dos gobernos locais e sobre como ven o municipalismo a dez anos. López defendeu a necesidade de traballar en rede, para aproveitar ideas e recursos. Defendeu, así mesmo, o uso das novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial, que permite que os funcionarios estean máis liberados para atender as persoas. Citou como exemplo a centraliña de información telefónica con IA que está preparando no Concello de Burela e que quere instalar tamén na Deputación.

Houbo tempo tamén para falar do mellor e do peor do exercicio da política. “O peor son os insultos nas redes. Pero eu teño un método. Nunca respondo, e téñolle prohibido aos membros de goberno que respondan. E como en Burela nos coñecemos, cando atopo un deses haters pola rúa pídolle que me conte cal é o problema, en que non está de acordo”.

A alcaldesa burelá e presidenta da Deputación participou no peche dun foro que contou con Joan Subirats, catedrático emérito de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona e exministro de Universidades; Carmen Navarro, da Universidade Autónoma de Madrid; Gemma Ubasart, da Universidad de Girona e exconselleira da Generalitat de Catalunya e Marta Cruells, especialista en xénero e políticas públicas, entre outros relatores.