A Vicepresidencia patrocina a 48 edición do Rally San Froilán, que chegará por primeira vez a Baralla e estrea treito en Sarria
Lugo, 14 de outubro de 2026.- Esta tarde presentouse a 48 edición do Rally San Froilán, que se celebrará os vindeiros 16 e 17 de outubro co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación, principal apoio institucional da proba.
O rally, organizado pola Escudería Miño, disputarase en cinco treitos a dobre pasada en estradas de Outeiro de Rei, O Corgo, Samos e Baralla, que suman 104 quilómetros cronometrados
As novidades do percorrido son o treito de Baralla, con saída e meta na contorna da vila e paso por Piñeira, Sixirei, Vilarello ou Vilarpunteiro, e o de Sarria, con paso po Goimil, Seteventos ou San Sadurniño de Ferreiros. A proba lucense, a penúltima do Campionato Galego de Asfalto, conta con 114 pilotos inscritos.
Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro ratificou o apoio da institución provincial a unha proba que “converte Lugo no punto de referencia de todos os afeccionados e afeccionadas ao automobilismo galego” e que “ano a ano refrenda co seguimento nas estradas, pero tamén coa gran participación de equipos e escuderías locais, que somos unha provincia de deportes de motor”
Efrén Castro enmarcou o apoio ao rally “nas accións de apoio ao automobilismo que poñemos en marcha desde a Vicepresidencia da Deputación, dirixidas fundamentalmente a manter a actividade da escuderías e pilotos” e citou “a liña de axudas específica para pilotos de rally que se convoca anualmente” e “a organización, conxuntamente con PTC Escuela e co Concello da Pastoriza, do Volante Deputación, que ofrece a pilotos noveis posiblidade de participar de forma gratuíta no rally”
O gañador do Volante Deputación 2026, o focense Bruno Martínez Bermúdez, estrearase na competición a bordo dun Dacio Sandero, no equipo de competición PTC Escuela, como premio a súa vitoria na proba provincial do pasado mes de maio.
O piloto mariñao participou na presentación do Rally xunto a unha decena de pilotos lucenses, que amosaron os seus vehículos na Praza de San Marcos. Tamén participaron na presentación representantes do concellos de Lugo, Outeiro de Rei, O Corgo, Sarria, Samos e Baralla, así como da Xunta de Galiza e da Subdelegación do Goberno.
Programa
O Rally disputarase en dúas xornadas. As primeiras pasadas polos tramos de Outeiro de Rei e O Corgo celebraranse o venres -16 de outubro – pola tarde, antes da cerimonia de saída que reunirá a todos os participantes na Praza da Horta do Seminario, en Lugo, desde ás 21.00 horas.
O rallly continuará o sábado, coas segundas pasadas por Outeiro e O Corgo, e os treitos de Baralla, Sarria e Samos, que pechará un ano máis a proba, cun tramo nocturno.
Tramos e inscritos: https://rallyesanfroilan.org/