Deputación de Lugo

Carmela López ensalza os 20 anos de traballo de FADEMUR “para converter dificultades individuais en reivindicacións colectivas”

FADEMUR
A presidenta da Deputación inaugurou este xoves en Lugo a xornada organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais, e que contou coa participación de arredor de mil mulleres provintes de toda Galicia

Foi unha xornada de confraternidade que contou coa intervención da Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, e celebrou un coloquio a cargo da xerente de Embutidos Suarna, Mª Carmen Suárez; a sindicalista Montse Cortiñas e a responsable comercial de produtos frescos de Vegalsa-Eroski, Raquel García, todas elas referentes no sector agroalimentario

FADEMUR entregou os Premios María José Arcos, que recoñeceron a impronta de catro mulleres no rural, en concreto, as gandeiras Felisa García Corbal e Elisa Rial Fariña, a regueifeira de Coristanco, Lupe Blanco, e a propia Valedora do Pobo

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou na mañá de hoxe no acto inaugural do encontro que FADEMUR organizou no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais. Na apertura estivo acompañada pola presidenta estatal de FADEMUR, Teresa López, a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, e o secretario xeral de Unións Agrarias UPA, Roberto García, entre outras autoridades. O acto contou coa colaboración do ente provincial.

A xornada reuniu a preto de 1.000 mulleres baixo o lema Mulleres rurais: liderado, xustiza e dereitos. O encontro coincide co 20º aniversario de FADEMUR Galicia e co Ano Internacional da Muller Agricultora. 

Carmela López agradeceu a FADEMUR o seu traballo ao longo destes 20 anos e o seu acompañamento “a tantas mulleres e por converter dificultades individuais en reivindicacións colectivas”. E destacou a aposta da Deputación polo traballo desta asociación, que se traduce na “reclamación de servizos públicos e no desenvolvemento de distintos programas de apoio á formación e ao emprendemento das mulleres do rural”.   

Tamén salientou que “a responsabilidade das institucións, é escoitar ás mulleres, máis agora que nunca, e poder crear espazos coma estes nas que elas mesmas, de maneira colectiva, reivindiquen o que noutros tempos non tiveron”.

A presidenta provincial lembrou a “todas aquelas mulleres que o tiveron máis difícil. Ás que traballaron toda a vida dentro e fóra da casa, sostendo as súas familias e a economía do rural, pero ás que tantas veces non se lles recoñeceu o seu traballo”.

Vídeo conmemorativo dos 20 anos, intervención da Valedora do Pobo e mesa redonda con referentes femininos da cadea agroalimentaria

Trala benvida institucional, proxectouse o vídeo 20 anos, poñendo as mulleres rurais no foco, e a Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, pronunciou a conferencia inaugural.

A xornada continuou coa mesa redonda Liderado, mulleres e medio rural en primeiro plano, na que participaron Montse Cortiñas, vicesecretaria xeral da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA); M.ª Carmen Sánchez Iravedra, xerente de Embutidos Suarna, empresa de elaboración artesanal de embutidos situada en Navia de Suarna, e Raquel García, responsable comercial de produtos frescos de Vegalsa-Eroski.

FADEMUR quixo reunir as voces de mulleres que desenvolven o seu labor en distintos ámbitos da cadea agroalimentaria, desde a representación sindical ata a transformación e a comercialización dos produtos.

Montse Cortiñas, natural de Chantada, ocupa un posto destacado no sindicalismo agrario estatal e é a muller que desempeña o cargo de maior rango nas organizacións agrarias en España. 
M.ª Carmen Sánchez Iravedra está á fronte de Embutidos Suarna, unha empresa familiar de Navia de Suarna dedicada á elaboración artesanal de produtos cárnicos, que compaxina coa xestión dun supermercado na localidade. Tras o falecemento do seu marido, asumiu a dirección dos negocios, que manteñen actividade económica e emprego feminino no rural.

Pola súa banda, Raquel García traballa na área comercial de produtos frescos de Vegalsa-Eroski, desde a que participa na conexión entre os produtores e a distribución alimentaria.

Premios María José Arcos para recoñecer a impronta de catro mulleres no rural

A xornada tamén serviu para recoñecer o labor que levan a cabo distintas mulleres, as que se lles outorgaron os premios “María José Arcos”. Nesta edición foron catro as galardoadas.

A través dos premios María José Arcos FADEMUR-Galicia recoñece e visibiliza o traballo, a traxectoria e o compromiso de persoas, iniciativas, entidades e colectivos a prol da igualdade de xénero e o desenvolvemento do medio rural galego. O nome dos premios rende tributo e homenaxe á figura de María José Arcos, quen foi traballadora do sindicato Unións Agrarias e unha figura clave e fundamental nos inicios e na posta en marcha de FADEMUR en Galicia. O seu recordo mantense vivo a través destes recoñecementos ao labor social, económico e cultural das mulleres no rural. 

Na categoría “As que nos trouxeron ata aquí”, foron galardoadas dúas mulleres gandeiras, Felisa García Corbal, de Cospeito, e Elisa Rial Fariña, de Santa Comba. FADEMUR recoñeceu “o seu compromiso co rural e co sector agrogandeiro, así como o seu activismo social, e a súa participación na organización e nas mobilizacións en defensa do sector primario”.

Felisa García Corbal traballou como costureira nunha cooperativa antes de darse de alta no REA en 1989 como titular duna explotación de vacún de leite. No 2005 pasou a ser socia da SAT CASA CAETANO. Afiliada dende 1991, xubilouse o 16 de agosto de 2024. FADEMUR destácaa como exemplo de muller rural que compaxinou o traballo na granxa coas tarefas do fogar e o coidado de familiares.

Elisa Rial Fariña casou aos 19 anos e emigrou a Arxentina. Ao regresar a Galicia asentouse en Vilar de Céltigos. Asumiu a meirande parte da explotación de vacún familiar xunto aos seus pais —dos que tamén se fixo cargo—, mentres o seu marido traballaba na hostalaría na Coruña. Afiliada dende 1988, viúva e coas fillas traballando fóra, segue acudindo á oficina para facer xestións e manter o contacto coas compañeiras.

Baixo o lema “Por defender o noso, o máis importante que temos como pobo: a tradición a cultura e a nosa lingua”, foron recoñecidas a regueifeira de Coristanco, Lupe Blanco, “polo seu compromiso coa lingua, coa tradición oral, co rural, e coa igualdade”, poñendo voz á tradición oral dunha comarca moi rural como a de Bergantiños. 

Finalmente, a  Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, foi recoñecida pola súa  loita contra a violencia de xénero,  “que apostou por recoller, facer súas e elevar as reclamacións de FADEMUR Galicia para ter unha mellor resposta na loita contra a violencia machista no rural”.

 Regueifas, etnoteatro da Costa da Morte e pandereteiras lucenses pechan a xornada

O peche oficial do acto que correu a cargo do deputado provincial de de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e a secretaria xeral e directora de proxectos de FADEMUR, Rosa Arcos.

A regueifeira Lupe Blanco actuou a continuación, antes da degustación de produtos da terra. Esta regueifeira bergantiñana, través do proxecto Regueifandopolavida, conseguiu dar visibilidade nas redes sociais a esta arte en toda Galicia e leva participado en festivais de dentro e de fóra de España.

Tras o xantar, terá lugar unha representación do grupo Teté Teatro, agrupación da Costa da Morte integrada por Teresa, Sara e Caridad, veciñas de Salto (Vimianzo), coñecidas como embaixadoras do etnoteatro. E a xornada rematou coa actuación do Grupo tradicional de pandereteiras A Volta do Agro.

Ademais, ao longo da xornada, máis dunha vintena de mulleres expuxeron produtos de artesanía e de agroalimentación, para dar a coñecer os seus traballos, compartir experiencias e establecer contactos entre iniciativas do medio rural.

FADEMUR-Galicia agrupa a unhas cen asociacións de mulleres rurais en toda a comunidade. A súa misión é promover a igualdade, o progreso e o empoderamento das mulleres do medio rural, ofrecendo apoio e acompañamento en ámbitos sociolaborais, educativos e sociais, así como fomentando a súa participación na vida comunitaria e na toma de decisións.