A Deputación lembra o médico Rafael de Vega cun tótem no Fogar de Santa María, hospital que axudou a impulsar
Familiares do médico que contribuíu a modernizar a sanidade de Lugo, ata que en 1936 foi represaliado e asasinado, e o deputado Miguel Fernández, presentaron un novo elemento de recordo do cirurxián na cidade, nun lugar que está estreitamente vinculado á súa traxectoria.
Rafael de Vega, médico que axudou a transformar a sanidade de Lugo na primeira década do século pasado, ata que foi asasinado, en 1936, ten dende hoxe un novo elemento de recordo na cidade, por iniciativa da súa familia e da Deputación.
Trátase dun tótem coa imaxe do doutor e un texto sobre a súa aportación á cidade que foi colocado no espazo exterior do Fogar de Santa María, un complexo que leva décadas en mans da Deputación, dedicado a usos administrativos, sociais e culturais, pero que na súa orixe foi un hospital en cuxa construcción foi determinante Rafael de Vega.
O tótem foi descuberto este sábado nun acto no que participaron familiares do doutor represalidado polo franquismo e o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández.
Fernández sinalou que de Vega foi unha figura fundamental na historia de Lugo, tanto pola súa achega á medicina como polo seu compromiso coa vida pública. Nado en Zazuar (Burgos) en 1889, Rafael de Vega chegou a Lugo en 1916 e axiña se converteu nun referente profesional e social. Defendeu unha atención sanitaria máis moderna e accesible, especialmente para as persoas con menos recursos, e traballou para dotar a cidade dun hospital á altura dos avances médicos do seu tempo.
Foi un dos principais impulsores do Hospital de Santa María. Para coñecer os modelos máis avanzados da época, viaxou a Santander e estudou o Hospital de Valdecilla. O centro lucense, deseñado polo arquitecto Luis Bellido González coa colaboración de Rafael de Vega e do daquela alcalde, Ángel López Pérez, abriu as súas portas en 1930. Nel, o doutor asumiu a responsabilidade do servizo de radioloxía.
A súa traxectoria profesional estivo acompañada dun intenso compromiso político. Republicano convencido e deputado nas Cortes pola provincia de Lugo durante a Segunda República, Rafael de Vega foi detido tras o golpe militar de xullo de 1936, sometido a un xuízo sumarísimo e condenado a morte. O 21 de outubro dese ano foi fusilado en Lugo, aos 47 anos.
“Rafael de Vega forma parte da historia de Lugo porque contribuíu a construír a cidade que somos”
A súa morte non puxo fin ás consecuencias da represión. A familia sufriu a incautación do seu patrimonio e padeceu durante décadas as consecuencias da persecución política. En xullo de 2024, o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática emitiu unha declaración de recoñecemento e reparación persoal na que se acreditaba que Rafael de Vega padecera persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a Guerra Civil.
En febreiro de 2025, o Concello de Lugo aprobou por unanimidade o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da cidade.
A memoria de Rafael de Vega, a súa contribución á modernización sanitaria e a inxustiza da súa execución forman parte dunha mesma historia. Como subliñou o deputado esta mañá, «Rafael de Vega forma parte da historia de Lugo porque contribuíu a construír a cidade que somos. E forma parte da nosa conciencia colectiva porque a súa morte nos lembra o prezo terrible que pode ter a negación deses valores». E engadiu que «noventa anos despois, o mellor homenaxe que podemos renderlle é manter viva a súa memoria, transmitir a súa historia ás novas xeracións e seguir defendendo unha cidade e unha sociedade nas que ninguén teña que sufrir persecución polas súas ideas».
A homenaxe contou ademais de con Miguel Fernández, con Rafael Pérez de Vega, neto do médico, que interviu en representación da familia. Tamén asistiron familiares e amizades de Rafael de Vega. Tras as intervencións, ambos descubriron o tótem informativo instalado no Fogar de Santa María, nun acto sinxelo de lembranza e recoñecemento coincidindo co 90 aniversario do seu fusilamento.
«Rafael de Vega dedicou a súa vida a coidar das persoas e a mellorar a sociedade na que vivía. A violencia arrebatoulle a vida, pero non pode arrebatarlle o lugar que merece na historia de Lugo. Que a súa memoria siga viva, concluíu o deputado.