A Vicepresidencia da Deputación pon en valor o dinamismo das asociacións culturais e agrogandeiras das comarcas da Montaña nun encontro apadriñado por Oliver Laxe
Colectivos culturais e ganderías destaxaron "a importancia dunha vinculación emocional ao rural para que os proxectos se consoliden e teñan continuidade no tempo".
Lugo, 5 de novembro.- A Vicepresidencia da Deputación destacou o dinamismo das asociacións e proxectos culturais, ambientais e agrogandeiros das comarcas dos Ancares e do Courel nun encontro celebrado no Pazo de San Marcos.
Representantes da Asociación Ser, da Cooperativa A Carqueixa, da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada Asgafón, de Teitos de Piornedo, da Asociación Corripa, da Asociación Seara Verde, da Asociación para o Desenvolvemento Serra do Courel, da Asociación de Defensa das Variedades Autóctonas das Ribeiras do Navia e de Outonía Sociedade Cooperativa Galega participaron na xuntanza na que puxeron en común obxectivos e ferramentas de traballo e necesidades que detectan na súa actividade diaria.
O deputado de Rural Daniel García agradeceu o traballo desenvolvido polas entidades na organización e apoio á actividade produtiva, na xestión do territorio e na conservación e promoción do patrimonio cultural e natural das comarcas orientais da provincia de Lugo. “Representades o motor de dinamización das comarcas da montaña e permitides manter viva a tradición e cultura vencellada ao noso país”, destacou o deputado.
Durante o encontro, avaliouse tamén a repercusión nestas comarcas dos programas organizados directamente pola área de Rural como O que non arde, que financia investimentos para a gandería extensiva, e Da Escola á Granxa, que incorpora á súa oferta de actividades educativas no rural ganderías e proxectos de emprendemento das comarcas da montaña como Mel Casa da Torre e A Carqueixa, de Cervantes, Embutidos Suarna, de Navia de Suarna, Caurelor, de Quiroga ou Ribeiregas e El País del Abeyeiro de Negueira de Muñiz.
Colectivos e ganderías valoraron a contribución destes programas "a poñer en valor o sector primario e reivindicalo ckmo actividade de futuro" e coincidiron en sinalar "a importancia dunha vinculación emocional ao rural para que os proxectos se consoliden e teñan continuidade no tempo".
O acto contou co apadriñamento do cineasta Oliver Laxe que, ademais de empregar o seu recoñecemento e proxección pública para visibilizar a comarca dos Ancares, promoveu a creación da Asociación Ser e produciu a campaña de promoción Gandería Heroica da Cooperativa A Carqueixa, apoiando de forma directa e material estes proxectos.
Laxe, que tamén apoiou a posta en marcha de O que non arde en 2021, reafirmou na súa intervención o compromiso coa posta en valor do territorio e do seu potencial produtivo.
Neste sentido, Daniel García destacou a importancia destes encontros que "permiten afianzar vínculos e crear redes de colaboración que fortalezan as actividades en marcha e propicien novas iniciativas"
A Vicepresidencia da Deputación agasallou os participantes cun lote de publicacións editadas pola área de Cultura e cunha figura cerámica de Otero Regal.