A Deputación apoia unha nova edición de DivulgaT para achegar á cidadanía a ciencia que se fai no campus de Lugo
A Casa do Saber acolleu este xoves o estreo da décima edición desta iniciativa, que está organizada pola Asociación de Investigadores AgroMar e forma parte do prograama Outono Cultural
Persoal científico da universidade deu a coñecer investigacións e descubrimentos de forma amena e sinxela
DivulgaT- Petiscos de Divulgación Científica, unha iniciativa da Asociación de Investigadores AgroMar que busca achegar o coñecemento científico á cidadanía no idioma galego e favorecer o diálogo entre a comunidade investigadora e o público xeral, arrancou na tarde deste xoves, 5 de novembro, a súa décima edición na Casa do Saber.
Investigadores do campus lucense expuxeron as súas liñas de traballo e os seus descubrimentos nun formato divulgativo, accesible e participativo. A cita forma parte da programación do Outono Cultural e contou coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. A Deputación de Lugo mantén un convenio de colaboración co campus lucense para diversas accións, entre elas, a divulgación da actividade investigadora, as actividades da Universidade de Verán, as prácticas formativas na Granxa Gayoso Castro e a contribución ao mantemento de instalacións.
A xornada inaugural de DivulgaT- Petiscos de Divulgación Científica contou coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, que acompañaou a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana Iglesia, e o presidente de AgroMar, Jacobo Álvarez Torres.
A sesión consistiu en pequenas intervencións, cunha duración de 10 minutos, para explicar cuestións científicas complexas de maneira sinxela e comprensible. A iniciativa tamén promove o uso do galego como lingua de comunicación e divulgación científica e incorpora formación específica para as persoas participantes, cun obradoiro teórico-práctico de 12 horas impartido pola divulgadora Andrea Muras. A seguinte sesión será o 13 de novembro, de novo ás 19.00 horas na Casa do Saber.