Deputación de Lugo
Economía
Emprego

O Gran Sorteo fai parada en Vilalba cunha participación que supera xa os 16.000 tíckets

Pablo Rivera Capón
Vilalba
federacion galega de comercio
pequeno comercio
A Federación de Comercio e a Deputación presentaron na Praza da Constitución o MG3 Hybrid+, o coche híbrido que se sorteará entre as persoas que realicen compras superiores aos 10 euros no pequeno comercio

A campaña afronta a súa recta final con alta participación nos 67 concellos da provincia e tíckets procedentes de máis de 2.200 establecementos comerciais

O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo continúa avanzando con moi bos resultados e supera xa os 16.000 tíckets rexistrados, unha cifra que pon de manifesto a boa acollida que está a ter a iniciativa entre a cidadanía e os establecementos comerciais da provincia.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas e o da Asociación de Empresarios de Vilalba, Moisés Carballeira, presentou a campaña na praza vilalbesa da Constitución, onde se achegou á veciñanza o MG3 Hybrid+, o vehículo que se sorteará entre as persoas participantes. 

A participación na campaña chega xa a toda a provincia, con tíckets rexistrados nos 67 concellos lucenses e procedentes de máis de 2.200 establecementos comerciais. Uns datos que, segundo apuntou Pablo Rivera “amosan a implicación do tecido comercial e a resposta da cidadanía, que está a converter esta iniciativa nunha oportunidade para visibilizar e apoiar os negocios de proximidade en toda a provincia”.
A parada en Vilalba forma parte do percorrido que o vehículo está a realizar por diferentes localidades lucenses co obxectivo de achegar a campaña á cidadanía, dar visibilidade aos pequenos establecementos e animar a realizar as compras no comercio local.

A evolución da iniciativa confirma o interese que está a espertar entre consumidores e comerciantes, nunha campaña que busca converter cada compra nunha oportunidade para gañar, pero tamén nunha forma de contribuír á actividade económica dos concellos. O comercio de proximidade desempeña un papel fundamental na creación de emprego, no mantemento dos servizos e na dinamización da vida social das vilas.

Máis de 16.000 tíckets e últimos días para participar

As persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos de comercio de proximidade da provincia de Lugo poden participar no sorteo rexistrando os seus tíckets na web oficial www.sorteocomercio.es/coche.

Ademais, os propios comerciantes teñen a posibilidade de colaborar coa clientela no rexistro das compras, unha modalidade que permite obter unha participación adicional no sorteo. Para participar é necesario conservar ou fotografar o tícket como xustificante da compra.

A campaña permanecerá aberta ata o 30 de novembro, polo que a cidadanía aínda está a tempo de participar e apoiar os negocios locais durante estas semanas previas ao Nadal, un período especialmente importante para a actividade comercial.


O MG3 Hybrid+ sortearase ante notario o 3 de decembro

O Gran Sorteo culminará o vindeiro 3 de decembro coa celebración do sorteo do MG3 Hybrid+ ante notario no Pazo de San Marcos, en Lugo. A identidade da persoa gañadora darase a coñecer a través da web oficial da campaña. 

O Gran Sorteo reafirma así o seu obxectivo de incentivar o consumo nos establecementos de proximidade e lembrar que cada compra no pequeno comercio contribúe a manter vivas as vilas e a fortalecer a economía local.