Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación chama á cidadanía a unir voces contra a violencia machista na Praza de San Marcos

MANIFESTO 25N
O Pazo de San Marcos
A institución provincial celebrará mañá, a partir das 13:00 horas, o acto central do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa lectura do manifesto aprobado hoxe por unanimidade en Pleno; e unha acción simbólica protagonizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual

A programación provincial polo 25N arrancou esta fin de semana con propostas culturais e de sensibilización, e estenderase ata o 10 de decembro con actividades en Vilalba e Lugo protagonizadas por Marina Marroquí e Amelia Tiganu

A Deputación de Lugo fai un chamamento á cidadanía para que se sume mañá, 25 de novembro, aos actos conmemorativos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A Praza de San Marcos será o escenario, a partir das 13:00 horas, dunha xornada reivindicativa que busca unir voces e renovar o compromiso colectivo fronte a todas as formas de violencia machista.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, abrirá o acto coa lectura da Declaración Institucional contra a violencia machista, aprobada por unanimidade no pleno celebrado este mes. O documento, consensuado polos tres grupos políticos con representación na institución —PSdeG, BNG e PPdeG—, reafirma o compromiso da Deputación coa igualdade e coa erradicación da violencia contra as mulleres.

Un dos momentos centrais será a acción simbólica En camiño contra as violencias, protagonizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, que este ano cumpre dez anos desde a súa posta en marcha en 2016. Dez estudantes participarán nunha intervención colectiva sobre unha pancarta con palabras que representan distintas manifestacións da violencia machista, como o medo, o control, o desprezo e o silencio. A iniciativa incluirá tamén unha lectura coral que percorrerá simbolicamente a traxectoria do proxecto ao longo desta década.

Na xornada participarán tamén deputadas e deputados provinciais, así como persoal empregado público da institución. Ademais, repartiranse entre as persoas asistentes paraugas e calendarios con mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero. Como mostra de apoio á loita contra as violencias machistas, a fachada do Pazo de San Marcos xa luce as lonas negras conmemorativas desta xornada.

Os actos de mañá enmárcanse na programación gratuíta organizada pola Deputación arredor do 25N, que comezou esta fin de semana con dúas propostas culturais que tiveron unha excelente acollida. . O sábado, o público asistiu ao monólogo Risas con perspectiva feminista, do dúo Sobria e Serena, e o domingo á obra Golpes, da compañía aAntena, protagonizada pola actriz luguesa Estíbaliz Veiga. Ambas as propostas empregaron o humor e o teatro para cuestionar os estereotipos de xénero e visibilizar as distintas formas de violencia machista.


Marina Marroquí e Amelia Tiganus pecharán a programación do 25N

A programación continuará o venres 4 de decembro, ás 10.30 horas, no auditorio municipal de Vilalba, que acollerá o monólogo Esto no es amor, de Marina Marroquí, dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato de institutos de Terra Chá e da Mariña, e que xa conta con máis de 400 inscritos nos que figuran estudantes do IES José Trapero Pardo, de Castro de Rei; Díaz Castro, de Guitiriz; Santiago Basanta Silva e Lois Peña Novo, de Vilalba; e Illa de Sarón, de Xove.

Educadora social e supervivente da violencia machista na adolescencia, Marroquí emprega o humor e a súa propia experiencia para desmontar os mitos do amor romántico e axudar á mocidade a identificar os sinais de alerta nas relacións. Se quedan prazas libres das 504 que ofrece o auditorio, abriranse ao público xeral, que poderá solicitalas a través do correo electrónico mullereigualdade@deputacionlugo.org, por orde de inscrición.

O ciclo pecharase o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, coa intervención de Amelia Tiganus no salón de actos da Deputación, ás 19.00 horas. A escritora e activista feminista, supervivente da trata de mulleres con fins de explotación sexual, abordará a violencia sexual e a explotación das mulleres desde unha perspectiva de defensa dos dereitos humanos. Autora de obras como La revuelta de las putas, Tiganus é unha das voces de referencia na análise crítica da violencia sexual e da explotación das mulleres. 

Ambas actividades serán de entrada libre e gratuíta ata completar aforo.