A Deputación mellorará dúas estradas de Navia de Suarna que conectan co Pionerdo
No Concello de Castroverde avanza a construción da nova ponte sobre o río Azúmara, que terá seis metros máis que a anterior, coa colocación das vigas
A Deputación tamén colaborará co Concello de Barreiros para renovar equipamento dos servizos sociais, mellorar a sinalización viaria e adquirir material para as actividades culturais
A xunta de goberno da Deputación de Lugo acordou este vernes adxudicar á empresa Ovisa a renovación de dous treitos de estradas provinciais ao seu paso por Navia de Suarna. A actuación permitirán mellorar as comunicacións entre varias parroquias e reforzar o acceso a Piornedo e a outros puntos de interese turístico dos Ancares. O investimento será de 300.000 euros.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destacou a importancia desta intervención para garantir unhas comunicacións máis seguras e en mellores condicións nun municipio marcado pola dispersión da poboación e pola súa complexa orografía. “As estradas son fundamentais para vertebrar o territorio, especialmente nos concellos da Montaña, onde contar con boas comunicacións é imprescindible para a vida diaria da veciñanza. Investir nestas infraestruturas significa mellorar a seguridade, facilitar os desprazamentos e contribuír a que vivir no rural non supoña ter menos oportunidades”, sinalou.
Unha das actuacións desenvolverase na LU-P-3505, a estrada que comunica Navia de Suarna con Cervantes por Vilaquinte e Donís e que constitúe un dos principais accesos a Piornedo. Os traballos abranguerán o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 8,640 e 11,255. É unha vía de especial relevancia tanto para os desprazamentos da poboación local como para a actividade turística da comarca.
Esta estrada é tamén un itinerario habitual para ciclistas, afeccionados ao sendeirismo e visitantes que se achegan a descubrir a paisaxe e o patrimonio natural dos Ancares. “Estamos a mellorar unha das portas de entrada a un dos espazos naturais máis emblemáticos de Galicia. Os Ancares teñen un enorme atractivo turístico e é importante que as persoas que viven aquí e as que nos visitan conten cunhas boas comunicación, xa que manter estes accesos tamén significa apoiar o turismo e a economía local”, explicou Pablo Rivera Capón.
A segunda intervención corresponde á LU-P-3503, que conecta Silvouta con Vilor a través de Vallo. Neste caso, renovarase o firme nun tramo desde o inicio da vía ata o quilómetro 1,260. Esta vía dá servizo ás parroquias de Folgueiras, Santa Mariña de Vallo e Son, polo que a súa mellora terá unha incidencia directa na mobilidade diaria da veciñanza.
En ambos casos, os traballos incluirán a limpeza e a reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe, a renovación do pavimento mediante aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal e vertical. “A conservación e a mellora da rede viaria provincial é unha das tarefas prioritarias da Deputación, porque estamos a falar de infraestruturas que condicionan directamente a vida das persoas. Nos municipios rurais, unha estrada en boas condicións é clave para fixar poboación, favorecer a actividade económica e garantir que os servizos e as oportunidades cheguen a todo o territorio”, aseverou Rivera Capón.
Avanza a construcción da nova ponte sobre o río Azúmara, en Castroverde, coa colocación das vigas
No tocante á rede viaria, a voceira socialista do goberno tamén informou do avance das obras de construción da nova ponte sobre o río Azúmara, na LU-P-1611, o chamado cinto comarcal, ao seu paso polo concello de Castroverde.
Os traballos, iniciados o pasado mes de xuño cun investimento de 650.000 euros, avanzan a bo ritmo. Estes días estanse a colocar as vigas da nova infraestrutura e nas dúas próximas semanas executarase a lousa, polo que a estrutura quedará practicamente rematada. Unha vez completada esta fase, restarán os traballos de movemento de terras pendentes, a pavimentación da vía, a instalación da sinalización e a execución dun pequeno muro para completar a actuación.
A nova ponte contará cunha plataforma de once metros de ancho, seis máis que os que tiña a anterior, o que permitirá mellorar as condicións de paso e facilitar o cruzamento de vehículos nunha estrada cun importante volume de tráfico.
A intervención afecta a un tramo de algo máis dun quilómetro da LU-P-1611, entre os quilométricos 106,5 e 107,8, e permitirá eliminar un dos puntos máis estreitos e complexos do cinto comarcal, reforzando a seguridade e as comunicacións nesta vía provincial.
Colaboración con Barreiros para mellorar servizos municipais
Na sesión da xunta de goberno desta venres tamén saíu adiante un convenio de colaboración co concello de Barreiros, a través do cal a Deputación financiará distintas actuacións destinadas a mellorar os servizos públicos municipais, cun investimento total de 50.500 euros.
En materia social, ampliarase e renovarase o material ortoprotésico do servizo municipal de préstamo, coa adquisición de camas articuladas, cadeiras de ducha, grúas eléctricas, andadores e colchóns antiescaras, entre outros elementos. Tamén se incorporará un escáner e un proxector para mellorar a xestión administrativa e as actividades formativas dos servizos sociais. “O obxectivo é dar resposta á crecente demanda, especialmente das persoas maiores e dependentes”, sinalou Pablo Rivera.
En canto á seguridade viaria, acometerase o pintado de 1.013 metros cadrados de cebreados e a instalación de 38 novos sinais de tráfico, principalmente nos núcleos de San Cosme e San Miguel, prestando especial atención ás contornas escolares, ás zonas infantís e ás áreas recreativas. Así mesmo, o convenio inclúe a adquisición dun remolque-carroza adaptado para circular por estrada, que permitirá mellorar a organización de actividades como a Cabalgata de Reis e o desfile de Entroido e achegar estas celebracións aos diferentes núcleos de poboación do municipio.
Material de cama para o gando da Granxa Gayoso Castro
Por outra banda, tamén saíu adiante a adxudicación da subministración de material da cama destinado ao gando da Granxa Gayoso Castro que a Deputación ten en Catro de Rei. O contrato adxudícase á empresa Galical Cales y Carbonatos Agrícolas, S.L., por un importe de 73.172 euros A duración do contrato será de dous anos, conposibilidade de prórroga, sen que o período total de vixencia poida superar os catro anos.
A institución provincial, consciente da importancia de apoiar un sector estratéxico na provincia como é a gandeiría, impulsou nos últimos anos as instalacións ubicadas en Castro Ribeiras de Lea, incorporando novos servizos, como o Centro de Recría e a Granxa Experimental de Leite e promovendo a diversificación de actividades.
A Granxa Gayoso Castro ten, ademais, un importante compoñente formativo, a través de convenios coa Universidade de Santiago e co IES José Trapero Pardo, para a realización de prácticas formativas en ganadeiría, agricultura e xestión rural.