O Parque Móbil da Deputación ten a misión de asistir aos concellos da provincia á hora de arranxar incidencias nas estradas municipais, fundamentalmente no que respecta á reparación do asfaltado e aos traballos de limpeza das vías, o que supón un importante aforro para as institucións municipais.
Para desenvolver este labor conta con tres equipos de rego, destinados á reparación do pavimento, cada un dos cales conta cun camión cisterna, un camión gravillador e unha apisonadora. Da limpeza viaria encárganse outros dous equipos, conformados por motoniveladora, camión e pá.
Dous tráilers encárganse do transporte dos áridos e da maquinaria que resultan necesarios para o desempeño das funcións dos equipos de rego.
Asemade, o Parque Móbil provincial conta cun camión pluma e unha máquina eiruga, de cadeas, que traballa na apertura de camiños.
Tamén dispón dunha furgoneta para o traslado de material entre as instalacións da Deputación e as dos seus organismos dependentes, e varios turismos para os traslados de persoal necesarios para a xestión da institución.