O Goberno da Deputación mellorou o acceso aos núcleos rurais de Teixeira, San Salvador e Valbón, no Incio

Rivera Capón explicou que “continuamos a financiar obras para mellorar as comunicacións dos nosos veciños, especialmente do rural. Facémolo dentro do noso convencemento de promover a igualdade de oportunidades, vivas onde vivas”
Estas melloras engádense ás xa executadas na LU-P-2503, que comunica a capitalidade do Concello con varios núcleos de poboación e que beneficia a 100 veciños
O Deputado pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro García, supervisaron este luns os traballos de mellora da LU-P-2506, que financiou o Executivo Provincial cunha achega de 53.000 euros. Estes fondos permitiron mellorar con aglomerado en quente 1,6 quilómetros do firme desta estrada que conecta os núcleos de Saa e Valbón, dando acceso tamén a Teixeira e San Salvador. As actuacións, leváronse a cabo no treito que atravesa a parroquia de San Salvador de Mao, e benefician a uns 25 veciños.
Rivera Capón explicou que “dende o Goberno da Deputación continuamos a financiar obras para mellorar as comunicacións dos nosos veciños, especialmente do rural. Facémolo dentro do noso convencemento de promover a igualdade de oportunidades, vivas onde vivas, e poñendo en valor os núcleos rurais da nosa provincia”.
Celeiro García agradeceu a colaboración da Deputación con este tipo de actuacións “que nos axudan a continuar ofrecendo aos veciños infraestruturas de primeira calidade” e avanzou que “a previsión é acondicionar a totalidade da LU-P-2506 proximamente”.
Os traballos executados nesta vía, consistentes na limpeza de cunetas, a mellora do firme con aglomerado en quente, e a renovación da sinalización horizontal e vertical, leváronse a cabo do punto quilométrico 2,1 ao 3,7.
Outros 55.000 euros para a mellora de estradas no Incio
O Goberno da Deputación investiu outros 55.000 euros na mellora da LU-P-2503, que comunica a capitalidade do municipio, a Cruz do Incio, con varios núcleos de poboación, como Foilebar, así como co Concello de Samos. Son actuacións que benefician a preto dun cento de veciños que empregan esta vía acotío.
