Cultura
Deputación de Lugo

Un roteiro por Lugo, a presentación dun mapa sonoro da memoria LGTBQA+ e a proxección de "Persoas SA" centrarán a programación da Vicepresidencia polo Día do Orgullo

DÍA DO ORGULLO
Maite Ferreiro
PERSOAS SA
LGTBIQA+
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
Maite Ferreiro remarcou a necesidade de “dar visibilidade e relevancia institucional a esta data na que se reivindican dereitos plenos para todas as persoas”

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo súmase á celebración do Día do Orgullo, o luns 28, cunha axenda de actividades organizadas pola Rede Museística Provincial e os colectivos LGTBIQA+ nas distintas comarcas.

A programación xira arredor do material didáctico sobre diversidade elaborado polos museos provinciais para desenvolver actividades presenciais e en liña nos vindeiros meses,  e da estrea do mapa sonoro da memoria LGTBIQA+,  con testemuños orais recollidos polo Colectivo Agrocuir da Ulloa.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro sinalou que “é unha programación que ten como referencia o día 28, o Día do Orgullo, pero que pretende soster no tempo a atención sobre a necesidade de avanzar na garantía dos dereitos plenos para as persoas do colectivo LGTBIQA+. O luns damos a coñecer ese material, pero a partir desa data, seguirémolo visibilizando e movendo polas comarcas, en distintos formatos”.

Maite Ferreiro sinalou que “desde as institucións temos a obriga de dar relevancia e visibilidade nos espazos comúns a esta loita polas liberdades e os dereitos, na que os colectivos sociais estiveron moito tempo sós, e na que queda camiño por avanzar, no que ten que co emprego, co  ámbito educativo ou co sanitario”

Programa de actos

17:15h.- No xardín do Museo Provincial de Lugo.

- Presentación das unidades didácticas 'Diversigualdade', elaboradas pola Rede Museística Provincial. As propostas, adaptadas ás distintas etapas educativas, para desenvolver en contextos escolares e tamén en familia, estarán dispoñibles ao longo do ano na plataforma multicanle  https://comunidadermpl.es/ .

- Presentación do mapa sonoro da memoria do colectivo LGTBIQA+,  elaborado polo Colectivo Agrocuír da Ulloa, que inclúe medio centenar de fragmentos sonoros de persoas que viviron, presenciaron, sufriron ou celebraron momentos, afectos e vivencias relacionados coa realidade LGTBIQA+ nas distintas comarcas. O arquivo sonoro, que estará dispoñible tamén na plataforma multicanle https://comunidadermpl.es/, recolle testemuñas relatando despertares sexuais, momentos fundacionais do activismo, experiencias vividas nos centros educativos, lembranzas sobre os primeiros amores, historias cotiás que acontecen en lugares coma un supermercado de Guntín (unha historia sobre unha caixeira lesbiana e unha muller maior á que axudou a cargar a súa compra), relatos sobre pubs de Burela, Chantada ou Palas de Rei que foron lugares onde se xuntaba xente moi diversa nos 80 e 90 ou vivencias familiares como o dunha nai contando o proceso de transición da súa filla trans ou o dunha parella de nais contando un caso de homofobia institucional sufrido durante o seu proceso de reproducción asistida.

18:00 h.- Roteiro a través da memoria LGTBIQA+ da cidade de Lugo, conducido por integrantes de Agrocuír da Ulloa. Saída Círculo das Artes, paso polo Museo Provincial de Lugo

Trátase dun paseo por diferentes espazos da cidade de Lugo -algúns deles xa inexistentes ou transformados- significativos para a historia e a memoria LGTBIQA+ da cidade.

Viaxaremos dende o 1899, cando -grazas á investigación sobre a historia da disidencia sexual na Galiza no século XX desenvolvida por Daniela Ferrández- sabemos que tiveron lugar os primeiros espectáculos de transformismo, que convertiron cafés, salas e teatros da cidade de Lugo en espazos para transgredir o xénero.

Transitaremos tamén polas últimas décadas, a través de obras artísticas como “Un momento que dura años” (1983), de momentos fundacionais do activismo LGTBIQA+ da cidade, como é o caso da fundación en 2011 do colectivo ALAS Lugo, e dos espazos nocturnos do ambiente da capital, cun papel fundamentais na naturalización da diversidade sexual e de xénero.

21:00h.-Proxección do documental ‘Persoas S. A.’, de Carmen PG Granxeiro. Museo Provincial de Lugo

O audiovisual, que se proxectou en festivais de cine documental e que se poderá ver por primeira vez en pantalla grande en Lugo, fai un percorrido pola historia do activismo LGTBI en Galiza, centrándose principalmente no rural.

A directora lucense estará acompañada por Cristina Palacios, Miguel Vieito e Braulio Vilariño, que participarán nun coloquio trala proxección.