Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación colabora coa Asociación Provincial de Apicultores para a edición da revista O Cortizo

apicultura
Medio Ambiente
A institución provincial achega preto de 1.500€ a esta agrupación para a edición dunha publicación, con 30 anos de historia, que inclúe información de divulgación técnica sobre o sector

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores de Lugo (APLA), Pablo Piñeiro Fraga, para sufragar os gastos derivados da edición da revista O Cortizo. Trátase dunha publicación especializada que mantén informados aos apicultores das novidades do sector.

A revista conta con máis de 30 anos de historia e é unha referencia para a divulgación da apicultura por toda Galicia. Entre os contidos destaca un noticiario, que recolle información sobre cursos, feiras ou reunións que se levan a cabo dende o colectivo, curiosidades do sector apícola, estudos do sector e outra información relevante sobre apicultura.

Tomé Roca destacou a importancia desta colaboración cun sector que “na provincia de Lugo conta con gran importancia. Dende a Deputación coñecemos as posibilidades e o potencial de desenvolvemento social e económico da nosa provincia, e así o amosamos con diferentes proxectos que levamos adiante para aproveitar esas oportunidades”. “Con este acordo poñemos en valor a nosa materia prima e un produto autóctono de primeira calidade como o mel, traballado polos milleiros de produtores da provincia, ao tempo que damos difusión ao colectivo”, destacou o Presidente.

A asociación 
APLA aporta asesoramento e formación aos socios en distintos ámbitos da apicultura como son a sanidade, novas técnicas ou a divulgación. Estas formacións enmárcanas dentro da programación anual de actividades destinadas a todo o público e que permite achegar a apicultura a toda a veciñanza. Así mesmo, este colectivo encárgase da organización da Feira do Mel de Lugo, que lle facilita aos socios a venda da súa produción de mel.