Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación achega 40.000€ para a celebración de EQUIGAL, que converte a Lugo na capital ecuestre de Galicia

Deputación de Lugo
Equigal
Presentación Deputación Equigal
A Sala de Xuntas da institución provincial acolleu a presentación do Salón Internacional do Cabalo, que se celebrará no Pazo de Feiras de Lugo ata o 17 de outubro

García Porto destacou a importancia desta cita para “contribuír á recuperación da economía” e para “impulsar o propio sector ecuestre na provincia”

A Deputación de Lugo colabora coa organización do Salón Internacional do Cabalo, EQUIGAL, que se está a celebrar no Pazo de Feiras de Lugo. A institución provincial achega 40.000€ para a posta en marcha deste evento, que recupera a normalidade nesta edición, sempre respectando as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos na presentación desta cita, xunto ao Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández Méndez, o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, e o presidente da Federación Galega de Hípica, Federico Pérez Lago. 

EQUIGAL reuniu esta fin de semana aos participantes do Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Árabe e continuará do 8 ao 10, co Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española. Do 15 ao 17 celebrarase o Concurso de Salto de Obstáculos Cidade de Lugo. Tamén o domingo 10 de outubro celebrarase a exhibición de cabalo Pura Raza Galega e a copa galega de Enganche Federado.

A Deputada de Promoción do Territorio destacou o apoio da institución provincial a esta cita dende o seu nacemento e sinalou a súa importancia para “contribuír á recuperación da actividade económica de sectores como a hostalería, o turismo ou o comercio”, así como para “impulsar o propio sector ecuestre na provincia de Lugo e en Galicia”. “Lugo é unha provincia referente no que respecta ao sector gandeiro. Apostar polo mundo do cabalo supón unha decisión lóxica e coherente no desenvolvemento de políticas que modernicen o sector primario”, afirmou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, ademais de destacar o “valor engadido” e a “proxección nacional e internacional” que aporta ao agro o Salón Internacional do Cabalo.

EQUIGAL recibirá preto de 250 exemplares durante as tres fins de semana de duración, superando os números habituais de participantes. Dende a organización tamén destacan a participación de 25 cabalos de Lugo en competición durante a xornada de salto.

 

Unha feira consolidada

O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.